Sés, María Reimóndez e Fran Alonso.
Onte celebrouse na Coruña a presentación da novela En vías de extinción. No acto, que se celebrou na Biblioteca Pública Ágora, participaron a cantautora María Xosé Silvar ‘Sés’, Fran Alonso e María Reimóndez. A música de Sés e un novo discurso inédito de Gaia Dobao Pombo, protagonista da novela, animaron o encontro. 
A continuación reprodúcese o discurso inédito lido na presentación na Biblioteca Pública Ágora.

>> Discurso inédito de Gaia Dobao Pombo, protagonista de En vías de extinción (non aparece na novela):

GRAVACIÓN DA VOZ DE GAIA QUE ALGUÉN PUXO EN MODO BUCLE NA ENTRADA DO FÓRUM METROPOLITANO DA CORUÑA A TRAVÉS DE ALTOFALANTES 

Amigas e amigos do Fórum e en xeral persoas que vos atopades neste edificio: 


Isto é unha emerxencia. Mais non corran aínda. Non fagan nada. Escoiten primeiro atentamente este aviso de evacuación. Non roubarei moitos minutos do seu tempo. O perigo, ademais, non é inminente senón permanente. 



Segundo o folleto sobre incendios urbanos de Protección Civil publicado pola Xunta de Galicia, unha das primeiras medidas sinala: “Infórmese das instrucións no edificio no que vive ou no seu lugar de traballo” e diso imos falar, de instrucións para facerlle fronte a un incendio. 

Un momento da presentación na Biblioteca Ágora.

En Galicia en xeral e na cidade da Coruña en particular, acontece un incendio polo menos cada minuto. Un incendio é entrar neste mesmo edificio do Fórum metropolitano preguntar se teñen os folletos da programación de cinema en galego e recibir como contestación con malos modos da recepcionista: “ahora eso no se hace”. Un incendio é ir nun taxi e que alguén lle diga a unha mai: “háblele bien a la niña”. Incendio é tamén entrar nunha tenda de roupa e que a dependenta lle diga a unha: “Háblame en castellano”, este incendio avívase cando se chama ao “servicio de atención al cliente” e lle din a unha que non ten dereito a reclamar porque “el español es el idioma de España”. Outro incendio prodúcese ao ir a un quiosco e que a dependenta comente: “Hablas gallego? Que bruto!”. Debo indicar que todos estes exemplos son de incendios xa acontecidos, dos que temos que aprender, e non hipóteses ou terribles futuribles. 


Os incendios, todo o mundo o sabe, son perigosos e na maioría dos casos intencionais. O perigo está claro, eliminan a biodiversidade, acaban coa vida vexetal, a única que ten un pouso de historia que é moito máis longo que a vida desas persoas de miras curtas que se expresan en termos tan incendiarios. A intencionalidade é clara, a de amosar unha superioridade porque seguramente non teña esta persoa nin os entes que a apoian nada polo que ser realmente, xa non digo superior, senón persoa. As consecuencias de tales incendios son moito maiores que as fazulas vermellas, o malestar xeral, a impotencia e as ganas de botarse a chorar que nos invaden por momentos. As consecuencias son marcar un espazo onde só se nos tolera como cidadás, como persoas, como consumidoras, quen o diría, ou como seres vivos se nos expresamos nunha lingua en particular. 


Mais os incendios en edificios teñen moitos formatos, claro. Porque este lume provocado, perigoso e intencional está apoiado por un cento de lumes pequenos, focos digamos de segunda entidade e pouco visibles aparentemente. Como a lección aprendida de cambiar de lingua para que se nos recoñezan dereitos. Penso agora por exemplo nos tribunais, onde ás veces dá máis traballo falar e presentar documentación en lingua galega que presentar unha demanda de divorcio entre unha vaca a unha pita. 

Estes lumes pequenos, como metidos en potas, inclúen as recorrentes declamacións de frases como: total, en castellano nos entendemos todos, castellano lengua común. Si, común a custa da eliminación e enmudecemento das demais, das outras, de nosoutras, a maioría. Si, e digo maioría para lles recordar que ser seremos lingua non hexemónica, que a hexemonía é algo político, que se consegue coa coacción, co exercicio do poder como dominación, coas mentiras e, como vemos, cos incendios. Pero lingua minoritaria non. O galego é lingua MAIORITARIA no único lugar onde é relevante: en Galicia. 


Tras presentar este cadro aterrador do panorama global, cómpre non quedar no habitual papel mollado dos plans de prevención ou de emerxencias. Por suposto, ante incendios de tal tipo o habitual é ficar en estado de estupefacción ante a humillación recibida. Mais non paniquen, voume referir novamente ao folleto de Protección Civil, para que saiban vostedes como reaccionar. Antes de nada, un par de consellos vitais: “A loita máis eficaz contra un incendio é a axuda que unha se pode prestar a si mesma”. Pois iso, non cale. Retruque. Prepare na casa se quere unha lista de frases porque sabe vostede que a loita contraincendios, por desgraza, nunca cesa para unha galegofalante. Para citar novamente a Protección Civil, “O lume é máis rápido, é posible que para cando poida chegar a axuda externa sexa demasiado tarde”. Sexamos máis rápidas có lume. Velaquí algúns exemplos para os casos anteriores: 


-Ahora eso no se hace: ah, facíase antes cando traballaban aquí persoas?

-Háblele bien a la niña: Si, que para falarlle mal xa está vostede.

-Hábleme en castellano: Si, e de paso págolle en marabedís

-Hablas gallego? Que bruto!: Claro, que o único idioma fino é o castelán, abonda con escoitar a Belén Esteban

A maiores non esqueza as indicacións engadidas de atoparse nun lugar público: “Dea a alarma e proceda á evacuación seguindo as saídas de emerxencia indicadas”. Isto quere dicir, despois de retrucar, non dubide en poñer queixas formais e acto seguido “avise os equipos de emerxencia”. Todo incendio debe quedar rexistrado porque logo aínda temos que escoitar que “el gallego se impone”. 
Se traballa vostede no edificio en cuestión, novamente siga as instrucións de Protección Civil: Fágase ver pola ventá se non pode saír do edificio. 
E se o seu é aínda un comportamento máis heroico, en solitario ou de forma colectiva, que sería o ideal, daquelas siga as indicacións seguintes: “Ataque a base das lapas se ten un libro, canción, obra de teatro, acto cultural ou simple paciencia a man”. Eu, que teño pouca paciencia, adoito seguir outra recomendación aplicada á persoa que inicia tales lumes: “fágaa rodar polo chan”. E non digo máis. 
María Reimóndez e Fran Alonso firmando libros.
Son estas unhas indicación sinxelas mais permítanme rematar falando, non de incendios, senón de lume. Porque non todo o lume é malo. Porque o lume é tamén unha forza de vida. Lume é defender as raíces colectivas. A forma máis eficaz de apagar un incendio é cun contralume. Porque facer unha barreira de lapas defende os carballos que están do outro lado. Os pequenos, os que agroman nas circunstancias máis complexas, con pouca luz e auga. Os milenarios, que conservan na súa cortiza o adn do noso coñecemento colectivo, o único que fai que teñamos sentido na humanidade, o que nos fai únicas e insubstituíbles. Os que medran cada día coas pólas ben abertas, ignorando o lume que asexa. Nós, persoas galegofalantes das cidades, debemos abrir eses contralumes en cada esquina, debemos crear aquí bosques e fragas rodeadas por círculos de lume nos que ningún incendio poida penetrar para que cada día máis persoas busquen acubillo na sombra das nosas sobreiras e carballos e castiñeiros, mentres o resto andan abeirados a un tixolo. Eses espazos de comunidade son quen de atraer a quen non mamou a lingua pero que a entende como a fraga colectiva dende a cal todas e todos podemos vivir e respirar, dende a cal producir o aire máis puro xa non só para nós senón para o mundo. 
Despois destas indicacións, agradézolles que retransmitan esta gravación en todos aqueles edificios públicos, tendas ou locais nos que identificasen vostedes un incendio. Estará vostede, no fondo, salvando a humanidade. Ou mellor aínda, estará vostede salvando o único que paga a pena ser salvado.