Santiago de Compostela 8 de marzo de 2017

 

Calquera premio supón sempre unha ledicia, mais hai algúns que son certamente especiais. Este éo para min por dúas razóns. Unha, porque leva un nome, o de Xohana Torres, que actúa coma un espello no que buscarse sen fin. Outra, porque recoñece un aspecto da miña vida, a investigación, que me une a tantas outras que, en contra de todas as mensaxes pretéritas e presentes, se deixan levar pola súa curiosidade sen máis afán ca o de saber. Partindo da experiencia, no meu caso profesional, para apalpar os límites, as fendas e as fontes.

Teño que agradecer ao Concello de Santiago de Compostela que organizase este premio que nos dota dun espazo único para investigar sobre a cidade, sobre as súas mulleres e a través delas sobre tantas cousas. Teño que agradecer tamén ao xurado que apostasen por un estudo que fala de tradutoras, daquelas que fomos e somos adestradas para encaixar nun mapa dado, cativo e opresor. Mais un mapa que busca precisamente que rebordemos os seus límites, que nos fagamos, en palabras de Torres, as súas donas. Porque, como tentei explicar no estudo, diso depende a formulación dun novo imaxinario, a destrución dos vimbios mesmos da opresión patriarcal e colonial. Eses que se constrúen cando se traducen autoras feministas dende ópticas patriarcais ou cando se tenta facer crer as tradutoras que o seu é calar, obedecer e seguir os ditados da linguaxe e da hexemonía heteropatriarcal.

 

Mais o certo é que as desobedientes temos unha historia e no noso caso comeza, como tantas cousas, coa autora compostelá por excelencia: Rosalía de Castro. A descuberta e posta en valor do seu labor como tradutora que iniciou María do Cebreiro Rábade Villar, a quen quero dedicar especialmente este premio, abriu a porta pola que entra o meu estudo. Unha porta que analiza coas ferramentas da teoría da tradución feminista e poscolonial a práctica tradutora rosaliana en certo detalle para demostrar que RdC segue sendo o centro dos nosos mapas, a capital do noso mundo. Mais tamén a capital dun novo mapa, dun mapa que nos axuda mesmo a poñer en cuestión as xinealoxías aprendidas sobre tradución feminista e que establece un diálogo explícito coas prácticas tradutoras máis rebeldes coma as de Erín Moure. Dela collo emprestado o concepto da tradución feminista e poscolonial coma un “corpo exorbitante” que reborda as fronteiras cativas que lle foron asignadas.

As dúas tradutoras fican dispostas a redefinir o mundo nos seus propios termos. As dúas ensínannos, nas súas prácticas, a superar os límites, a crear novos espazos, a redefinir as normas, a traducir á contra, a facer un uso xusto do poder que as tradutoras temos, a sermos visibles. Hoxe é o día de celebrar eses esforzos, de celebrar que as feministas somos os corpos exorbitantes que anegan as rúas, que deteñen o tempo, que se dan a man. Porque dos nosos corpos exorbitantes, na tradución, na investigación e nas rúas, das nosas precursoras como de Castro e nas nosas contemporáneas coma Moure, dende Compostela, avanzará unha nova cartografía na que poidamos ser donas dos mapas das nosas vidas, vivas sen que ningunha falte. Dende Compostela, a ledicia de poñer unha pequena liña máis a carón de tantas outras nesa novo mapa.