Edicións Xerais de Galicia.
2017 | Narrativa
A Aurora gústalle correr. Se cadra é por iso que foxe con facilidade de tomar decisións e busca acubillo no sarcasmo contido. Dende que por fin puido regresar da Vilalba dos seus pais á Barcelona da súa infancia, o peso da orixe abre nela fendas que non sabe como xestionar. A proxección de si mesma na cidade, o rexeitamento e a vergoña, fan que por veces esqueza que foi en Vilalba, ese lugar que tanto detesta, onde coñeceu unha das persoas máis importantes da súa vida: a súa amiga Saínza. Dende a súa liña de saída torta, Aurora busca seguir correndo cara adiante sen matinar no percorrido, concentrada no seu traballo como xornalista de deportes e nos espazos dunha vida na que todo, en aparencia, está dentro do agardado.
Nesta nova entrega do “Ciclo dos elementos”, Reimóndez entrecruza os fíos das protagonistas de entregas anteriores cos de Aurora para continuar creando un universo literario único no que as lectoras son quen de compoñer tamén a historia a partir de cada unha das novelas independentes. Despois de “En vías de extinción“, “A música dos seres vivos” e “Dende o conflito”, “As cousas que non queremos oír” transita unha nova forma de enfrontarse á migración e o desprazamento e traza novas interaccións e perspectivas das personaxes xa coñecidas, como Gaia, MK ou Saínza Combarro.
Edicións Xerais de Galicia.
2016 | Narrativa
XIV Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia
Unha muller é sorprendida pola chegada da policía á súa casa para deter o seu home, un político, por un presunto delito de abusos sexuais de menores. A acción de “A dúbida” desencadéase a partir dese feito, que provoca o conflito psicolóxico desa muller que empeza a dubidar se coñecía realmente ao home. Un ritmo áxil, a profundidade do conflito psicolóxico e a sutileza con que a novela trata temas de actualidade como os abusos sexuais e a corrupción política son os argumentos que valorou o xurado da decimocuarta edición do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. En “A dúbida” a autora fai uso da súa experiencia como narradora para ofrecer unha historia que engancha a atención das lectoras e lectores e aborda, desde a denuncia social e a intriga, un tema pouco frecuente na literatura galega, escrita con pulsión literaria e rigor.
Edicións Xerais de Galicia.
2015 | Narrativa
Todo o mundo semella coñecer a MK, a cantante de moda cunha carreira xa prolongada no tempo, a voz prodixiosa, e a súa excéntrica moza, Gaia. Mais, quen é MK? Que acontece antes de saír ao escenario? Que é o que fica cando as luces esmorecen? Cando remata a última xira? No intre en que pechan os micros das roldas de prensa? Se cadra o silencio é preciso para o reencontro cunha mesma. Se cadra nin a propia música ten sentido sen os espazos dos que non escapa ningún son. É neses hiatos onde MK remexe na súa cerna fanada e recuperada, na ruptura da infancia no Támil Nadu rural, impulsada polos movementos migratorios impostos a unha metrópole que a esnaquizou e a refixo de novo. Entre os sons escachados das ondas rotas, MK compón e conduce os seus pasos cara ao lugar onde o grallar do corvo se transforma na música dos seres vivos. Despois de En vías de extinción, A música dos seres vivos abre o «Ciclo dos elementos», ao que tamén pertence a novela gañadora do Premio Xerais 2014, Dende o conflito, un universo de novelas no que as personaxes aparecidas nas marxes dun relato atopan a centralidade noutro. Neste caso é MK, personaxe secundaria de En vías de extinción, quen deixa soar a súa historia en cada corte do álbum que marca a súa vida. Este ciclo, pensado como un complexo todo que seguirá avanzando en futuras novelas, permitirá acceder a visións cruzadas e compartidas de feitos e persoas que se entretecen. A música dos seres vivos é unha historia de fragmentos que doen ata comprender que hai cousas que fican para sempre rotas, que non poden nin deben repararse ao seu estado anterior. Mais precisamente das súas fendas nace a forza coa que enfrontar o mundo.
>> Contidos extra de A música dos seres vivos.
Premio Xerais de Novela 2014
Edicións Xerais de Galicia.
2014 | Narrativa
Saínza Combarro, unha xornalista galega que cobre conflitos bélicos para a BBC, vive en carne propia o dilema de optar polo cinismo e a resignación á hora de relatar o que ve cos seus propios ollos ou optar por defender a verdade íntima de quen é testemuña dos feitos máis arrepiantes. A través dela, a novela fala da importancia do exercicio xornalístico nas situacións de conflito, pero sobre todo da importancia de buscar unha posición ética de relación con todas aquelas persoas esquecidas e que fican silentes do outro lado das noticias. Incluso, por paradoxal que semelle, as propias xornalistas.
As dificultades e os atrancos, mais tamén a reformulación da vida propia desde o extremo, van alén do evidente e buscan transmitir desde a emoción próxima da carne e o óso, desde unha posición rebelde cos papeis dados, a procura da propia voz para que as outras tamén a teñan. Probablemente por iso, porque a personaxe vive situacións límite, Dende o conflito é unha novela sobre a evolución e a construción dunha persoa que loita por ser exactamente o que ela quere ser.
Dende o conflito rende homenaxe ás mulleres xornalistas que souberon poñer a verdade dos conflitos bélicos por enriba de todo. Da man da protagonista viaxamos desde o Congo a Irak, desde Etiopía a Afganistán, desde Sri Lanka a Haití, pero tamén a Berlín, Barcelona, Compostela e Vilalba, que son os lugares onde Saínza se protexe da violencia buscando o agarimo e o refuxio dos afectos como unha necesidade vital para non renderse nunca. E é que Dende o conflito é unha novela sobre o xornalismo, sobre a guerra, sobre o abismo entre o norte e o sur, sobre a pobreza, sobre a fame, a miseria e a marxinación, pero, moi especialmente, é unha novela sobre o valor da amizade e do amor, sobre a diversidade e a contradición dos sentimentos e, en definitiva, sobre a esencia das cousas que son as realmente importantes na vida.
>> Contidos extra: Realidade de ficción, por María Reimóndez.
Edicións Xerais de Galicia. 2ª Edición.
2012 | Narrativa
Traducida ao castelán por KNS Ediciones, 2014.
Gaia é a protagonista de En vías de extinción. Ela é unha desas persoas que teñen a cerna dura coma un carballo, que asumen e reivindican o monte como berce persoal e que resisten a domesticación en todas as súas formas. Como un animal solitario, Gaia percorre os lugares interpretándose como un elemento ecolóxico chamado a cambiar o humus da forma máis discreta pero imborrable posible, invocando a revolución de ser quen se é sen compromisos, a través de batallas sen reféns, e poñendo o que se pensa sempre por diante.Un día, o seu traballo como intérprete fai que a súa traxectoria se cruce coa da cantante de máis éxito do momento. Daquela, todas as certezas que ela manexara semellan estar en perigo. Ou, se cadra, é nesa intersección que de súpeto atopa onde as súas pólas de montañesa políglota e viaxada poden chegar ao máis fondo do ceo.En vías de extinción é unha novela que fala dos mundos que esvaecen pero aínda están aí, das persoas que loitan por mantelos e por transformalos dunha maneira única. En vías de exntición é unha novela escrita como as vetas das árbores que, dun xeito innovador, nos deixan percorrer das pólas ás raíces. Eis a diversidade cultural, as fendas entre a vida rural e urbana e o potencial de conxugar todas as marxes para facer delas o centro da vida propia.
>> Contidos extra de En vías de extinción.
>> Book-Trailer “En vías de extinción” de As Candongas do Quirombo.
Edicións Xerais de Galicia.
2009 | Narrativa
Traducida ao italiano por Edizioni dell´Urogallo, 2013.
A Mark Read levoulle moito tempo atopar o seu lugar. Mais aquí está, na cuberta do Williams. Despois da guerra en Flandres, da súa infancia como criado, das súas aventuras na mariña mercante, á fin atopou a súa identidade como pirata. Mais se cadra a súa busca non está completa, se cadra aínda lle queda moito por contar. Na súa historia falta aínda a coraxe de Anne Bonney e as preguntas que nin sequera Madame Ébano foi capaz de contestar. Están todas aínda abertas no mar.Pirata de María Reimóndez é unha novela que fala da busca da identidade, da loita atroz pola liberdade en tempos difíciles e da esperanza de poderse sentir no fogar, mesmo nos lugares máis insospeitados. No marco real do século XVIII as súas personaxes deixan no mar estelas que falan das múltiples posibilidades da vida.
Edicións Xerais de Galicia. 8ª Edición.
2006 | Narrativa
Finalista do Premio Xerais, 2005.
Premio de Novela San Clemente, 2007.
Traducida ao castelán por Algaida, 2008.
Traducida ao italiano por Gran Vía Edizioni, 2008.
Adaptada para a película O Club da calceta (2008). Dirixida por Antón Dobao e producida por TVG, Ficción Producciones e Diagonal TV.
Adaptada por Teatro do Morcego para a obra teatral O club da calceta (2008). Dirixida por Celso Parada.
Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Ferananda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista. A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega e as minusvalora. Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do ánimo de quen le de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora do Club da calceta ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina.
Edicións Positivas.
2004 | Narrativa
Premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo, 2003.
A galaxia, ese lugar inhóspito e inabranguible. Na distancia, unha nave insignificante suca con dificultade treboadas de asteroides. aos seus mandos, a capitana reimon, anota o seu caderno de bitácora, por días estudando os sistemas bipolares e matinando sobre a figura intrigante do mariñeiro s., por días facendo estrictos exercicios de control, ao servicio da federación, que segundo ela é un “intento de xustiza”, e planificando loitas contra os malvados harkonen. a galaxia, inhóspita e inabranguible vaise facendo pequeniña, un fogar. pero fala realmente da galaxia a capitana reimon?