Recollemos a continuación unha crítica publicada no blog Trafegando ronseis sobre a novela En vías de extinción de María Reimóndez.
Cando se le unha novela de María Reimóndez sábese de seguro que nos vai ter no sofá ata case rematala e isto foi o que aconteceu con En vías de extinción (2012), publicada por Xerais.
Un dos grandes acertos da obra é a súa estrutura. As distintas partes, metaforizadas con nomes que van desde o toxo ao castiñeiro, conseguen nunha perfecta ensamblaxe, representar cada unha delas os momentos vitais de Gaia. Unha muller singular, incorfomista, rebelde, irónica, coas raíces ben plantadas na terra e que loita porque as orixes non esvaezan, sendo fiel en todo momento ás mesmas. Contínua aprendiz da vida, amosa unha forza que envolve ao lector/a na súa rabia ante o absurdo do mundo, e sempre coa mai como referente e a natureza como eixe.
Así como contén diálogos brillantes (véxase a parte na que a protagonista é entrevistada nun programa televisivo de máxima audiencia), tamén notamos certa falta de verosimilitude nalgunha escena propia dunha película de aventuras (véxase a voadura de Toralla, en Vigo). E en ocasións, a tese da novela evidénciase demasiado, e todos os valores que se desprenden, cansarían menos sendo máis sutís e transmitíndose máis polos feitos que polas palabras.
Por último, agradeceríase en futuras edicións, a inclusión da tradución das citas en inglés e alemán para facilitarnos o diálogo intertextual coas mesmas. 
“Súa mai sempre lle dixera que había un único método para chegar ao coñecemento: observar, escoitar ou ler, e que ningunha desas actividades podía darse mentres se falaba”.