Helena Miguélez Carballeira, directora do Centro de Estudos Galegos en Gales, estivo na presentación de En vías de extinción na Feira do Libro en Vigo. Cóntanos a súas primeiras impresións sobre a novela no seguinte texto:

En vías de extinción
María Reimóndez lendo un fragmento da novela.
Foto: Eva Mejuto
Na primeira presentación da nova novela de María Reimóndez, En vías de extinción, presentada na Feira do libro de Vigo o pasado 2 de xullo, falouse de moitas cousas que importan. Falouse da excepcional traxectoria da autora e dos moitos flancos do seu labor como escritora e tradutora, radicalmente preocupada polas formas de opresión social que acurtan os dereitos das mulleres a unha vida en liberdade de criterio e acción. Falouse do medio que nos arrodea e nos fai quen somos: o mesmo medio que destruímos sen sequera facérmonos conscientes da perda. Falouse do que desaparece cando nos arrombamos a unha forma de vida afastada da conciencia social e do noso papel na loita que se libra no seu nome. Hoxe, co libro de Reimóndez de diante e a piques de comenzar a súa lectura, lembro sobre todo o extracto que a autora nos leu en Vigo, sobre a importancia de sabérmonos encadrar ben nos moitos mapas desa loita: chantadas alí onde máis disonante e baldía semelle, onde máis inconsecuente pareza o esforzo por mantermos a coherencia, pois nesa vontade de coherencia probablemente estea o alimento que fai da pebida unha cerdeira.

Helena Miguélez Carballeira.