Na última novela de María Reimóndez reatopamos moitos dos temas que preocupan á autora e que, xunto con determinados enfoques, podemos identificar nas súas obras anteriores como unha marca autorial a pesar da distancia das propostas.

 

Gaia é a protagonista e o argumento mesmo de En vías de extinción. A súa historia preséntasenos dun xeito fragmentado, na mestura de distintos tempos e lugares até crear un debuxo completo da súa visa. Mais o auténtico argumento non son tanto as súas vivencias puntuais, enfiadas nunha trama máis ben liviá, como a maneira que Gaia ten de estar no mundo e os seus posicionamentos, isto é o que verdadeiramente enche a narración.

A experiencia e personalidade da protagonista que nos presenta Reimóndez vén marcada pola súa pertenza a unha outredade que a norma social delimita e acurrala nas marxes, e onde cobra vital importancia a súa consciencia crítica desa identidade e a súa vontade de resistencia. Gaia asenta as súas raíces no rural galego, no respecto pola natureza e os animais, no amor á(s) lingua(s) e nunha cultura propia que perde presenza e poder a marchas forzadas. A defensa dunha parte da traición que nela convive tamén co esforzo por construír e reivindicar unha identidade que rompa as construcións do xénero e da sexualidade herdadas. De tal maneira, o pensamento feminista e o ecoloxismo, a ruptura coa heteronormatividade e a defensa das culturas minorizadas son traídas ao plano do concreto a través das escollas e dos conflitos cotiáns, nunha visión que pretende fuxir de esencialismos –como a idealización do rural ou certas perspectivas do ecoloxismo e do amor.

 

A focalización na personaxe de Gaia e o seu carácter forte consegue trasladar os elementos desprazados socialmente ao centro, á súa vivencia desde a normalidade. Evidéncianse as agresións –as directas e as sutís- pero, lonxe d e vitimizacións, a resposta ofrecida é a autodefensa e a reafirmación. Unha constante na narrativa da autora que dota de capacidade de manobra as súas personaxes e abre espazos para a rebeldía e para o cambio. Unha formulación que si se agradece. Neste En vías de extinción as respostas combinan o humor ácido, as reflexións desenvolvtas de Gaia sobre o seu contexto social ou as reaccións combativas, que en ocasións rompen co considerado “politicamente correcto”. 

 

Porén, a abordaxe dos temas que mencionamos, aínda matizada e co sustento dun aparello teórico que se pode inferir das citas que poboan o libro, está construída sobre as opinións rotundas da protagonistas e as afirmacións categóricas da voz narradora, en terceira persoa omnisciente. Dúas voces que se alternan, se superpoñen, e que con demasiada frecuencia nos lembras outras que resoan nas súas novelas anteiores e, inevitabelmente, tamén á da propia Reimóndez. A construción do discurso artéllase sobre un posicionamento político explícito e sen fisuras, que nalgúns momentos adquire mesmo o formato dun mitin baixo a etiqueta “Teoría e práctica do discruso” e que semella perseguir un efecto exorcizador. Este último pode ser, en certa medida, un camiño cara á complicidade co público lector afín á ideoloxía da novela, mais a falta de espazo para a construción dunha análise propia, sen tutelaxes, acaba convertendo esta posibilidade nunha vía demasiado estreita e de pouca profundidade, onde o afán didáctico sobrecarga o discurso literario.

Fronte ao hándicap que supón esta fórmula, a construción dos personales, excepcionais en moitos casos, pero críbeis e próximas, é un dos acertos da novela, xunto coas relacións que manteñen entre si. A rebeldía de Gaia atopa eco na rebeldía tranquila da súa nai, na complicidade de Tom ou de Virxinia, ou no sentido de xustiza e loita do señor Manuel e da señora Icía. Os afectos, a aprendizaxe e os conflitos na proximidade están cheos de matices e non caen no estereotipo, algo pouco frecuente neste tipo de propostas e que aquí contribúe a dotala dunha maior autenticidade. 

 

A narración áxil e sinxela, que con fecuencia bota man da linguaxe coloquiel e busca un efecto de esponteneidade, fai que a novela flúa coa rapidez coa que se enfía o discurso na orlidade. Nos diálogos, especialmente, déixase ver a relevancia que se lle confire á fala e á expresión oral dentro da nvoela. Estas visibilizan as variantes dialectais e intentan, ademais, ser unha translación perfecta da lingua falada ao papel –con slucións en ocasión discutíbeis-, incidindo así no ton espontáneo da linguaxe e engadíndolle riqueza aos contextos comunicativos.

En vías de extinción é unha novela de tese, cunha vontade política que se sitúa no centro: a aporta decidida pola defensa da riqueza da diversidade, dunha cultura que temos de noso e dun mundo en contacto coa natureza que se esvae. Mais, sobre isto aséntase o convencemento de a toma de posición ideolóxica e o incorformismo de cada un/ha de nós son ferramentas para sermos donas e donos das nosas vidas e manter a identidade propia. Un convencemento que Reimóndez fai prevalecer tamén nas súas novelas, a miúdo en detrimento doutros elementos ou consideracións literarias.

Lorena López López