O crítico literario Ramón Nicolás vén de abrir no coñecido blog Caderno da crítica un espazo para a publicación de manuscritos inéditos de autoras/es galegas. O 3 de agosto Ramón Nicolás presentaba o espazo, titulado Manuscritos, co obxectivo de “lanzar á rede todo tipo de textos -cartas, avisos, apuntamentos, capítulos, poemas, ensaios ou fragmentos de obras literarias-” para así “contribuír a visibilizar unha parte do traballo cotián” dos autores e autoras.

Con este obxectivo, este luns Ramón Nicolás publicou dúas fotos dos cadernos que utilizou a escritora María Reimóndez para crear a trama de En vías de extinción


















Reproducimos a continuación o texto de Ramón Nicolás:
Non hai moito salientei o que, a meu entender, significaba  En vías de extinción, de María Reimóndez, unha novela empoleirada nas últimas semanas nos  libros máis vendidos e que está a obter o recoñecemento da crítica.
E, xustamente, dese volume amentado e por cortesía da autora,  achego unha mostra caligráfica dun dos cadernos de anotacións que o viu nacer e mais  a súa cuberta  (reproducida na parte inferior deste apuntamento).
María Reimóndez, segundo confesa,  escribe sempre inicialmente en cadernos e logo incorpora as súas anotacións ao ordenador. Nesta primeira versión salienta a práctica ausencia de correccións e marcas no manuscrito, tan só unha para sinalar que a páxina xa se reproduciu no arquivo correspondente do ordenador, existindo noutras páxinas algunhas outras emendas motivadas polos frecuentes cambios de nome que adxudica aos seus personaxes. Neste caso, o libro escribiuse coas ideas moi claras nun período que non foi máis alá de tres semanas intensas de traballo, entre as cidades de Bangor e Múnic, polo que os contidos dos cadernos e o resultado final que se pode comprobar no libro editado  son moito máis próximos ca noutras ocasións.