O crítico literario Manuel Rodríguez Alonso publicou este domingo no seu blog Bouvard e Pécuchet unha crítica literaria sobre En vías de extinción. Rodríguez Alonso asegura que “é moi necesaria esta novela de tese que defende desde a liberdade sexual ás novas formas de familia á marxe da tradicional ou a loita contra o cemento urbano plantando na cidade castiñeiros de xeito case que clandestino.”
 
Reproducimos o texto completo titulado Novela de tese necesaria:

Entre os distintos subxéneros novelísticos, como poden ser a novela policial ou a experimental, cómpre situar a novela de tese, que os manuais de literatura e crítica adoitan considerar anticuada e desfasada, mais que é un subxénero novelesco que aí está e que os novelistas empregan cando a ocasión o require. É este o caso da novela que comentamos aquí de María Reimóndez.

Deste xeito na polo de agora última novela de Reimóndez, a autora emprega o molde da novela de tese para defender un conxunto de ideas relacionadas co ecoloxismo, o anticonsumismo, o feminismo, a defensa do galego e das culturas minoritarias e minorizadas, que podemos considerar formando parte diso que coñecemos como progresismo e que cómpre recuperar nestes tempos en que o conservadorismo neoliberal máis arrepiante mesmo trata de apoderarse deste substantivo. O progresismo é defensa de ideas avanzadas e innovadoras, mais non para conseguir un maior beneficio económico e persoal, mesmo estragando a natureza ou explotando persoas e pobos, senón a procura dunha situación mellor e máis xusta para todos. Velaí o progresismo e iso é a tese que defende esta novela.

Unhas veces o progresismo aparece nesta novela representado pola defensa da liberdade persoal que cadaquén ten para elixir o tipo de vida que lle pete ou a orientación sexual que lle acaia, como fai a protagonista Gaia; outras veces este progresismo é defensa da natureza ou mesmo dos pobos sometidos do Terceiro Mundo. Non falta tampouco a crítica do asoballamento que sofre o disidente na propia Galicia, como se pode ver no episodio de Gaia que nunca máis traballará como intérprete en Galicia pola súa falta de respecto perante as autoridades da Xunta no seu labor de interpretación e tradución. Así mesmo a autora aproveita para narrar-adoutrinar sobre a situación do galego coa actual Administración do PP e Feijoo, a catástrofe do Prestige ou os programas lixo da televisión.

Mais esta novela é tamén unha novela de aprendizaxe onde asistimos ao proceso de formación de Mariña-Gaia, desde o seu nacemento ata aproximadamente os trinta e cinco anos. Este proceso vén salientado polo cambio de nome de Mariña por Gaia. É así mesmo unha novela de protagonista, pois a figura desta muller moza invade todo o texto narrativo. Mais prevalece o carácter de novela de tese subliñado pola autora cando insire discursos a xeito de pequenos ensaios sobre a ecoloxía, a nostalxia ou a situación do galego.

Polo dito ata agora e nuns tempos en que todos os medios de entretemento, de comunicación e ata a escola propoñen un tipo de ideas convencionais e politicamente correctas é moi necesaria esta novela de tese que defende desde a liberdade sexual ás novas formas de familia á marxe da tradicional ou a loita contra o cemento urbano plantando na cidade castiñeiros de xeito case que clandestino. Neste sentido non falta ningunha das cuestións que preocupan ou se debaten na nosa sociedade, aínda que sempre enfocadas desde esa devandita óptica progresista. 

Nos debes da novela eu apóñolle, como por outra banda acontece en moitas novelas de teses, unha presenza case que obsesiva do narrador omnisciente. Resulta un tanto inxenua a oposición campo-cidade e reitera unha interpretación da cidade de Vigo como espazo urbano invadido polo rural e vexetal que xa utilizou en O club da calceta, que comeza a resultar moi tópico. Tamén a vida naturista da nai da protagonista na aldea da montaña afastada da civilización é dun certo infantilismo. Presenta na creación dos personaxes unha das eivas típicas da novela de tese: son tipos e non individuos e o seu carácter non evoluciona, pois resultan totalmente planos. 
En canto á lingua a autora reivindica formas dialectais propias do bloque oriental como os pluraiscais, pantalois, camín ou o perfecto cantén por cantei. Non nos parece mal esta revitalización das formas dialectais. Mais o que nos parece excesivo é a volta á reprodución na escrita de contraccións e sinalefas, mesmo con apóstrofo, como se facía nos tempos do Rexurdimento: m´axeitaba (páx. 323), sempr´ai (páx. 324). Do mesmo xeito reprodúcese nunha soa palabra a forma verbal rematada en –s/-r máis a segunda forma do artigo, igual que se fai co pronome persoal de terceira persoa: querendo resucitalo Xeneralísimo (páx. 38). É este un inxenuismo ortográfico, que dificulta a lectura e que nos retrotrae aos tempos do Rexurdimento. 

Por outra banda, aínda que a narradora se gaba de consultar o Xerais e non o María Moliner (páx. 42), esta consulta non debeu de ser moi rigorosa por algúns dos erros lingüísticos que advertimos, mais cando a autora, polo que se ve nas biografías colgadas na rede, é tradutora profesional. Así emprega castelanismos léxicos como trepar/tripar a unha árbore no canto deagatuñar, gabear ou calquera dos outros sinónimos, que acertadamente ofrece o DRAG dixital para eludir este significado castelanista (páx. 26). Fala de auga calcárea (páx. 13) cando o adxectivo correcto é neste caso calcaria. O termo gafas é así mesmo rexeitado por castelanista: gafas de sol (páx. 20). Rolda de prensa é un calco do castelán roda de prensa (páx. 66). A RAG impón neste caso conferencia de prensa. Tamén é castelanismo o sintagma días feriados (páx. 146) ou o emprego de torta por labazada, lapote: solucionar as cousas a tortas (páx. 178). Tos (páx. 229) é un castelanismo moi duro. Na páx. 236 úsase soño no canto de sono. Maceta aparece co significado castelanista de ´testo´ (páx.306). O entorno castelán equivalente a medio tradúcese polo galego contorno, cando neste caso o correcto é medio (páx. 279). En galego non existe soleado como ´con sol´, senón que neste caso emprégase solleiro: amencer soleado (páx. 381). O emprego de habitación (páx. 325) por cuarto é un castelanismo léxico rechamante.

De xeito hipercorrecto evítase o pronome átono reflexivo con esvaecer, esfarelar ou rir seguido de complemento de réxime: ás veces notaba como lle ía esvaecendo o acento (páx. 69) / as rochas acaban esfarelando (páx. 209)/ que as mozas rían de min (páx. 289). Noutros casos emprega o reflexivo de xeito castelanista, cando en galego procede a súa eliminación: o corazón bátelle que se lle vai saír do corpo (páx. 117)/ que se fan pallas cun póster dela (páx. 254). De xeito castelanista nada substantivo preséntase como feminino, cando en galego é masculino: a nada (páx. 232). Pola influencia do castelán hasta aparece cara como preposición cando en galego cara nunca é preposición, pois só existe a locución cara a: crece cara o ceo (páx. 235). Tradúcese do castelán a expresión darse una ducha, aínda que eliminando o reflexivo, co que resulta unha frase ilóxica e disparatada para calquera falante do galego ese decidiu dar unha ducha (páx. 240). En galego abonda con dicir decidiu ducharse e non hai motivo para traducir unha expresión castelá palabra a palabra. Na expresión á man cómpre usar a preposición a e non eliminala por interferencia do castelán: lava a man (páx. 315.

Eu coido que alguén que na novela se presenta como tradutora profesional debía estar un pouco máis ao tanto do galego estándar e presumir menos da consulta dos dicionarios e examinalos, pola contra, con máis atención. Algún erros como o contorno por medio ou ese cara o ceo soan ás malas traducións que aparecen en moitos libros de texto do castelán ao galego realizadas ás présas coa axuda do tradutor automático. 

Dito o dito e malia as eivas advertidas, moitas delas propias da novela de tese de todos os tempos e autores, recomendamos a lectura desta novela nos momentos actuais de propaganda desaforada do neoliberalismo ultraconservador. A súa lectura é tamén moi aconsellable nos centros de ensino en Secundaria e Bacharelato porque da motivos abundantes para reflexionar sobre a nosa sociedade e os seus problemas: familia, sexualidade, globalización, situación do galego etc, máxime cando algúns destes temas foron botados dos programas oficiais de Educación para a cidadanía ou non se tocan como é debido noutras materias como Historia, Filosofía ou mesmo Lingua e Literatura.