Ás veces debo admitir que me sinto un pouco animal de zoolóxico. Son bastantes as persoas que fan comentarios sobre a importancia do traballo de Implicadas ou os loables esforzos por manter viva a nosa lingua. Mais os comentarios e loanzas de nada valen. O que vale é unirse ao traballo. Estes días, Implicadas ferve con actividades, punto central delas é o IMPLÍCATE, Noite de Música e palabra solidaria ue terá lugar o día 8 de xaneiro no Teatro Principal de Compostela, baixo a batuta de Yolanda Castaño e Luís Tosar. Precisamos non só a asistencia das 400 persoas que caben no teatro (o ano pasado quedaron bastantes fóra así que non o deixedes para o último momento) senón o apoio de quen non poidades ir, para conseguir o financiamento que nos fai falta para cubrir os (poucos) gastos que ten o festival. Tamén estes días o pobo ferve co indecente comportamento do “Valedor do pobo” (non se indica de cal, claro) e a súa recomendación de retirar un libro de texto que afirma que o galego é a lingua propia de Galicia (tal e como indica o noso Estatuto de Autonomía). Hai manifestacións, ciberaccións e moita necesidade de deixar de facer de espectadoras/es do zoo, abandonar as palabras bonitas e pasar máis ben ao traballo. Non hai tempo que perder!