Despois de 11 anos, a autora regresa á creación poética con ‘Presente continuo’ (Xerais), ‘kleinigkeiten/cousiñas’ (Fabulatorio) e ‘Moda galega reloaded’ (Positivas)

O vindeiro 17 de outubro terá lugar a presentación conxunta das tres novas obras de poesía da escritora María Reimóndez: Presente continuo (Ed. Xerais), kleinigkeiten/cousiñas (Fabulatorio) e Moda galega reloaded (Ed. Positivas). O encontro celebrarase na Libraría Lila de Lilith, ás 20 horas, e contará coa presenza de Fran Alonso (Ed. Xerais), Francisco Macías (Ed. Positivas), Cibrán Rico e Suso Vázquez (Fabulatorio). Tamén participarán a autora, María Reimóndez, e a poeta Susana Sánchez Aríns.

‘Presente continuo’ (Xerais, 2013) marca os dez anos daquela primeira viaxe de María Reimóndez á India en 1994, da relación cambiante e fluída con lugares que xa non definen ben os nomes coñecidos, con culturas, con persoas, con formas de vida que son xa parte do cotián, do ser afortunadamente descentrado.

‘kleinigkeiten/cousiñas’ (Fabulatorio) é un poemario escrito orixinalmente en alemán durante a estadía de Reimóndez na casa de artistas Villa Waldberta en 2011, promovida polo Instituto Cervantes de Múnic e o Kultureferat do Concello de Múnic, e publicado en galego en tradución da autora por Fabulatorio. ‘kleinigkeiten/cousiñas’ debulla o traballo de levar a outredade que o galego e a autora representan, á cerna dunha lingua e cultura central europea, nunha especie de diálogo íntimo no que a lingua de poder se converte na lingua dos afectos e dos desafectos, do privado e do íntimo.

Finalmente, María Reimóndez regresa ao universo poético do seu primeiro poemario ‘Moda galega’ (Positivas, 2002) máis de dez anos despois. Nesta primeira obra, Reimóndez deitaba unha ollada crítica e mordaz á sociedade consumista e que obxectaliza os corpos das mulleres. O seu novo poemario ‘Moda galega reloaded’ (Positivas, 2013) revisa e actualiza a obra de 2002.