Chennai-Hindu-Lit-for-LifeMaría Reimóndez participará este venres, 15 de xaneiro, no The Hindu Lit for Life festival, o festival literario máis importante do sur da India que reúne ás autoras e autores máis sinalados do país e que serve tamén de plataforma para que as lectoras interactúen de forma directa cos escritores e escritoras máis eminentes.

María Reimóndez será a única autora galega, e unha das poucas estranxeiras, convidadas a participar neste encontro. O venres 15 ás 17.40 (hora local) formará parte dunha mesa redonda sobre “Nocións cambiantes do Estado Nación: visión dende a perspectiva feminista”, na que dialogará coa activista e poeta do Támil Thamizhachi Thangapandian e co tamén poeta e crítico indio K Satchidanandan.

Ademais, Reimóndez lerá algún dos seus poemas traducidos ao támil por Thangapandiam, a lingua do sur da India que se fala en Támil Nadu e tamén no noroeste de Sri Lanka. Os poemas traducidos proveñen dos poemarios Moda Galega, Moda galega reloaded e Presente continuo.

A vinculación da escritora galega co sur da India, e en concreto co Támil Nadu, ven xa de moi atrás e ten moito que ver co seu traballo no campo da cooperación ao desenvolvemento. A través da ONG Implicadas no Desenvolvemento, que fundou en 1998, Reimóndez traballa dende hai anos neste estado e tamén en Etiopía.

Escenario da súa obra

A India en xeral, e Támil Nadu en particular, tamén está moi presente na obra de María Reimóndez. É un dos escenarios máis relevantes de “A música dos seres vivos” (Edicións Xerais, 2015) -a última novela publicada dentro do “Ciclo dos elementos”-, o lugar onde naceu e medrou a súa protagonista, MK, e do que tivo que marchar polos movemos migratorios.

Nas páxinas deste libro pódese viaxar ao Támil Nadu rural e coñecer moitas das súas tradicións, da súa cultura e do seu modo de vida.

Igualmente na súa obra infantil, tanto Karnataka como Támil Nadu teñen un papel prominente en obras como Usha (Edicións Xerais, 2006), Volvo o regreso de Usha (Edicións Xerais, 2014) ou Lía e as zapatillas de deporte (Edicións Xerais, 2008), obras todas elas con dereitos cedidos por Reimóndez a Implicadas no Desenvolvemento.

O festival

The Hindu Lit for Life naceu inicialmente pola necesidade de celebrar o aniversario da “Literary Review”, o único suplemento dedicado a libros e literatura nun diario da India. Agora, o festival é un dos eventos literarios máis importantes do país, conta coas máis distinguidas autoras e poñentes, e foi medrando en importancia e en audiencia, pasando dos 500 invitados e invitadas en 2010 aos cerca de 4.000 do 2014.