“A música dos seres vivos”, a última novela de María Reimóndez, está composta dos fragmentos que dan forma e identidade á súa protagonista, MK. Antes de ser unha cantante de éxito, MK foi Manimekalai, a nena que creceu no Támil Nadu rural que agora ti tes tamén a oportunidade de visitar.

A escritora María Reimóndez convídate a descubrir as bambolinas desta novela dándoche a oportunidade de realizar preguntas sobre aqueles aspectos que che provocasen curiosidade sobre o Támil Nadu da protagonista. Aproveitando que a autora se atopa neste momento nos lugares da novela, pódeslle deixar as túas preguntas na páxina de fans de Facebook de María Reimóndez: https://www.facebook.com/reimondezmeilan que ela responderá con pequenos textos que se publicarán periodicamente na versión dixital de Sermos

Entre todas as persoas que participen sortearase un exemplar asinado do libro e un “anaco” de Támil Nadu que terás que descubrir por ti mesma/o!

A novela

“A música dos seres vivos”, a última novela de María Reimóndez, forma parte do “Ciclo dos elementos”, un proxecto literario a longo prazo ao que tamén pertencen “Dende o conflito”, a novela gañadora do Premio Xerais 2014, e “En vías de extinción” (Xerais, 2012).

Todas elas son novelas a un tempo independentes e interdependentes, nas que se vai debullando o tecido mesto que entretece diferentes personaxes. Cada unha dá voz e espazo a protagonistas que logo asumen papeis secundarios noutros volumes.

A última en incorporarse ao Ciclo, “A música dos seres vivos”, é unha historia de fragmentos que doen ata comprender que hai cousas que fican sempre rotas. Mais precisamente das súas fendas nace a forza coa que enfrontar o mundo.

Neste caso é MK, personaxe secundaria de “En vías de extinción”, quen deixa soar a súa historia en cada corte do álbum que marca a súa vida. Todo o mundo semella coñecela, a cantante de moda cunha carreira xa prolongada no tempo, a voz prodixiosa, e a súa excéntrica moza, Gaia. Mais, quen é MK? Que acontece antes de saír ao escenario? Que é o que fica cando as luces esmorecen? Cando remata a última xira? No intre en que pechan os micros das roldas de prensa? Se cadra o silencio é preciso para o reencontro cunha mesma. Se cadra nin a propia música ten sentido sen os espazos dos que non escapa ningún son.