A libraría de mulleres Lila de Lilith publicou na súa conta de Facebook unha resposta á anotación de Xosé Manuel Eyré sobre En vías de extinción. No blog Ferradura en tránsito tamén deixou a súa valoración o crítico literario Ramón Nicolás.

A continuación recóllese o texto completo publicado por Lila de Lilith



Non adoitamos contestar ás críticas, sobretodo se son literarias, por que non nos consideramos expertas na materia, mais neste caso, chegounos esta crítica absolutamente ideolóxica sobre o libro de María Reimóndez (e sobre mais cousas que o libro) e consideramos oportuno darlle unha resposta pública.




Caro Xosé Manuel:
Non imos entrar en que María Reimóndez é unha grandísima narradora, porque compartimos absolutamente ese xuízo, ao igual que o comparte moita máis xente.


O que nos preocupa, en realidade, son os teus cometarios sobre a “marxinalidade” da literatura lésbica e, xa que logo, das escritoras que a cultivan. Nós facemos outra lectura. Parécenos que María Reimóndez é, asemade dunha grandísima narradora, unha escritora e unha muller xenerosa, comprometida e valente, moi valente. Ela aposta pola visibilización das mulleres, de todas, independentemente da súa orientación sexual.


Non podemos esquecer, compañeiro, que a subordinación sexual das mulleres está na orixe mesma do patriarcado. De feito, dá lugar ao poder patriarcal. As antropólogas feministas así o descubriron e así o deron a coñecer xa hai varios lustros (Gerda Lerner, por exemplo, na súa magnífica obra: La creación del patriarcado, deixa moi claro este asunto).
Mais esta explotación orixinaria ten unha serie de implicacións das que cómpre non nos despistar. A primeira delas é que, para dominar sexualmente as mulleres, estas teñen que carecer de desexo sexual propio, para así poderen estar supeditadas ao “desexo do outro”. Esta é a clave: transmitir de xeración en xeración os valores patriarcais asociados coa sexualidade (e con outras moitas cousas) e, para isto, xa dicía o Jung (sen lle dar perspectiva de xénero, claro), que é imprescindíbel inserilos no “inconsciente colectivo”. Moitos anos despois de Jung, o propio Bourdieu ilustrounos de como actúa o aparato de violencia simbólica, construíndo e perpetuando unha imaxe da desigualdade e da violencia que a fai imperceptíbel mesmo aos ollos de quen a sofre… e unha das principais cuestións que deixa clarísima é que a invisibilización das mulleres (na linguaxe, na ciencia, na arte, na historia…) e principalmente da nosa sexualidade, teña a orientación que teña, é un dos principais recursos para esta finalidade. 
Se partimos desta concepción –que supoñemos compartes- a muller non é suxeito de desexo, senón obxecto do desexo “do outro”. Por outra parte, a sexualidade debe ter como finalidade a procreación, e isto non é unha construción relixiosa (que tamén) senón, a estas alturas, cultural. Xa que logo, inserida no “inconsciente colectivo”, fai os seus estragos nas conciencias da xente, coa inestimábel colaboración da CULPA asociada con todo aquel exercicio sexual que se afaste do paradigma. 
Así as cousas, Xosé Manuel, poderemos convir en que a sexualidade lésbica está especialmente castigada, porque incumpre absolutamente todos os “requisitos”: implica un desexo sexual propio, non ten como finalidade a procreación e reivindica o pracer sexual das mulleres; xa que logo, pon en cuestión a esencia mesma da orde e do poder patriarcal. Por iso é marxinada e silenciada e, cando isto non é posíbel, denostada. O mesmo que o foi (e segue sendo, a moitos niveis) a heterosexualidade libre. 
Non temos máis que ver a negación mesma da súa existencia ao longo da historia. Non temos máis que comprobar, por exemplo, como se tratou este tema no ámbito da esquerda, durante moitísimos anos (e mesmo agora). Por citar un exemplo, nos cárceres de mulleres da primeira etapa do franquismo (situación dura onde as haxa), o tratamento que recibían as mulleres que tiñan prácticas lésbicas era brutal, tanto por parte da institución penitenciaria (magníficamente relatado por Jorge García e Fidel Martínez en Cuerda de Presas) como por parte das outras presas “rojas” (magníficamente relatado e criticado por Juana Doña en Desde la noche y la niebla). 
Xa que logo, consideramos que todos os procesos de liberación deben pasar pola VISIBILIZACIÓN dos seres oprimidos, porque a invisibilización é a arma máis perigosa e efectiva para a súa escravatura: CONSEGUE QUE SE SINTAN NINGUÉN. Pola recuperación dos seus dereitos e da súa dignidade (neste caso dos nosos dereitos e da nosa dignidade, como mulleres), a liberación das mulleres pasa principalmente pola liberación sexual, e unha das claves desta liberación é a da orientación do desexo. 
Estamos firmemente convencidas de que a visibilización pendente é un labor de todas e todos. É un compromiso ideolóxico, político e de cidadanía. Aínda que o custo sexa alto, aínda que nos marxinen por iso, malia a todos os tentos de nos afastar da órbita da maioría ben pensante onde, por certo, as feministas de clase, nin estivemos nunca nin queremos estar. Que pasaría hoxe en día se falaramos dos dereitos das mulleres (mesmo dos máis elementais) se no seu día non escribira Olympe de Gouges a Carta de Dereitos da Muller e da Cidadá… se Mary Wollstonecraft non tivera escrito a súa Vindicación dos dereitos da muller, se Clara Campoamor non tivera defendido o noso dereito ao sufraxio, se Simone de Beauvoir non tivera escrito O segundo sexo… se milleiros e milleiros de mulleres, coma elas, non tiveran ousado enfrontarse coa mesma orde patriarcal? Elas tamén foron marxinadas e tentadas de silenciar. Elas tamén foron xenerosas e valentes… e así ten que seguir a loita. 
Por isto, entre outras moitas cousas, caro compañeiro, consideramos que María Reimóndez é, asemade dunha grandísima escritora, unha muller xenerosa, moi xenerosa; é valente, moi valente, porque está a pór o seu contributo a que se poida normalizar esta cuestión. 
Vivan as mulleres que loitan todos os días. Esas son as imprescindíbeis!!!
Unha aperta, Xosé Manuel.
Libraría Lila de Lilith.