Máis aló do exotismo

As lectoras e lectores de María Reimóndez estamos cinguidos á pedra filosofal da súa escrita:o compromiso. Un compromiso que sempre apunta a dúas direccións: o feminismo (como amosan obras como Moda galega ou O club da calceta) e a solidariedade e o traballo a prol da India, e en xeral, daquelas colectividades que o precisan (boa mostra disto serían os seus textos infantoxuvenís Usha ou Lía e as zapatillas de deporte). Presente continuo, o seu novo poemario,afonda en ambas as dúas liñas, cinguíndoas, para facernos parte do seu duplo posicionamento indiogalego. O que se pretende é fundir as diferenzas, tentando crear unha lingua nova –como demostran boa parte dos paratextos, título incluído– que sexa abonda para manifestar esa dobre condición que constitúe a súa cerna.

A través de estrofas pretendidamente narrativas,estes versos son quen de contrapoñer a muller galega e a india, para amosar que as semellanzas son máis; denunciando as diferentes e tremendas inxustizas que se cometen en ambos territorios no nome da normalidade patriarcal, pedindo –en definitiva– que a sensibilidade gañe á intelixencia e saibamos que máis alá do exotismo das especies e dos saris hai un país, e unas mulleres, que latexan e sofren. Porque “a xente non está para ser admirada/ senón para comprometerse con ela”. Desafío puro: inventemos un idioma.

Este texto publicouse o 16 de xaneiro de 2014 no Faro da Cultura, Faro de Vigo.