Ana Romaní, presentadora do programa radiofónico Diario Cultural, abordou hoxe a nova novela de María Reimóndez, En vías de extinción. A autora destaca que se trata dunha novela onde os temas principais son “a lingua, as opcións sexuais e a maneira de relacionarnos co entorno e coas persoas”. 

Para María Reimóndez, “a natureza tamén é unha das partes máis importantes da novela”, sobre todo pola estrutura do libro en árbores e vetas no canto de capítulos ao estilo tradicional. Ademais, a natureza está presente en toda a novela porque o entorno forma parte da personalidade de Gaia, “un personaxe extremadamente individualista”.