A novela En vías de extinción de María Reimóndez, publicada en xullo de 2012, volve aos primeiros postos de libros máis vendidos. Como recolleu este sábado o xornal Faro de Vigo, En vías de extinción é a novela máis vendida en lingua galega na última semana. A obra tamén apareceu no posto número 1 no Taboleiro do libro galego que publica o crítico literario Ramón Nicolás no blog Caderno da crítica


A novela protagonizada por Gaia xa estivo o ano pasado á cabeza do ranking de máis vendidos de Faro de Vigo. Ademais, a revista Biblos recolleu, no número de decembro de 2012, que En vías de extinción se convertera nunha das obras máis vendidas do ano.

Nos vindeiros meses a autora continuará coa axenda de actos nos que intercambia impresións sobre o libro cas/os lectoras/es.



En vías de extinción merece ser valorada pola frescura, modernidade, rebeldía e heterodoxia que atesoura.” Ramón Nicolás. (La Voz de Galicia)
“Velaquí a contemporaneidade da literatura galega: vizosa, ampla, cosmopolita, internacional sabendo ser nacional.” Xosé Carlos Caneiro. (La Voz de Galicia)

En vías de extinción representa unha aposta moi orixinal no panorama actual da narrativa galega.”
Mario Regueira. (Sermos Galiza)




En vías de extinción é unha novela que fala dos mundos que esvaecen pero aínda están aí, das persoas que loitan por mantelos e por transformalos dunha maneira única. En vías de extinción é unha novela escrita como as vetas das árbores que, dun xeito innovador, nos deixan percorrer das pólas ás raíces. Eis a diversidade cultural, as fendas entre a vida rural e urbana e o potencial de conxugar todas as marxes para facer delas o centro da vida propia.