A novela En vías de extinción atópase nos primeiros postos da lista de vendas de libros que publica Faro de Vigo. Dende que saiu ao mercado, no mes de xullo, a última novela de María Reimóndez apareceu de xeito continuado nos primeiros postos na listaxe que elabora o xornal no seu suplemento dos sábados.

En vías de extinción é unha novela que fala dos mundos que esvaecen pero aínda están aí, das persoas que loitan por mantelos e por transformalos dunha maneira única. En vías de extinción é unha novela escrita como as vetas das árbores que, dun xeito innovador, nos deixan percorrer das pólas ás raíces. Eis a diversidade cultural, as fendas entre a vida rural e urbana e o potencial de conxugar todas as marxes para facer delas o centro da vida propia.