Onte celebrouse en Ourense a presentación da novela En vías de extinción. No acto, que se celebrou na Feira do Libro, participaron Xosé María Gómez Clemente, profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo, e a autora, María Reimóndez.

Como noutras presentacións desta obra, María Reimóndez deu vida á protagonista da novela lendo un texto escrito para a ocasión: 
DISCURSO PROFERIDO POR GAIA NO INTERVALO ENTRE ENTRAR NUNHA XUNTANZA DO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN DE EDGEWATER E SER EXPULSADA DESTE POLOS SERVIZOS DE SEGURIDADE.


Estimados señores do consello de administración de Edgewater:  

Antes de nada gustaríame agradecerlles a deferencia de terme convidado a esta xuntanza extraordinaria que teñen hoxe para debater os seus pingües beneficios. Non hai nada máis honroso ca celebrar as partillas pero teño a mala nova que transmitirlles: o morto aínda está vivo. Así que paren o carro. 

Teño hoxe diante miña unha tarefa de gran envergadura, pero vostedes están afeitos a proxectos de moito calado así que confiarei na súa infinita experiencia para que poidan comprender esta por forza breve intervención. A miña tarefa é poñelos ao corrente dunha situación de contexto lingüístico que é fundamental que coñezan antes de comezar co seu proxecto de Corcoesto, que tan bonito anuncian na súa páxina web, vídeo do noso ilustre presidente Fríjols incluído. Seguramente vostedes pensan que saben moitas cousas de Corcoeso porque coñecen a substancia da pedra base que fica por baixo das casas e dos prados mais seguramente ignoran que na superficie desa terra viven persoas e que estas, a diferenza das pedras, teñen opinión e mais idioma. Preséntaseme hoxe a complexa tarefa de explicarlles unha pequena curiosidade lingüística que lles será de vital importancia na súa empresa. Seguramente vostedes ignoren que no vídeo ese que teñen na web saen persoas falando nunha lingua que está moito máis fonda na terra que a pedra que vostedes queren extraer. E non, non me refiro ao simulacro ese do noso ilustre senón ao que falan as persoas de Corcoesto, por certo moi ben escollidas todas e gabanciosas das bondades do seu proxecto para o emprego na zona. En calquera caso, nesa lingua temos unha palabra que non poden vivir sen coñecer, sobre todo tendo en conta a súa área, digamos, de actividade: furar. 

Furar, como semella evidente, significa facer furados, algo no que vostedes teñen experiencia incomparable e por iso vou pasar por alto os detalles desta cuestión. Sen ir máis lonxe teñen vostedes previsto furar o tamaño de 67 campos de fútbol nese lugar que seguramente para vostedes non ten máis significado. Corcoesto = un lugar máis onde furar. Arsénico e cianuro. Non vou dicir que vostedes non furarían na súa terra porque xa o fan e se non que lles pregunten aos pobos nativos do Canadá e a todas as persoas que os apoian no seu propio país. 

Mais volvendo ao rego, quería atraer á súa atención a un pequeno detalle que se cadra pasan por alto: en galego furar ten outros significados. Furar é tamén a palabra que utilizamos as persoas teimudas, aquelas que non nos convencemos con facilidade das cousas, a palabra das que traballamos sen descanso. Furar é persistir, non botarse atrás, furar, furar, furar ata conseguir o noso obxectivo.Se cadra vostedes que son homes de enxeñería de minas e camiños non entenden moi ben esta pequena disquisición filolóxica, mais o certo é que fronte ao seu furar de primeira acepción do dicionario teñan por seguro que han dar de morros coa nosa, que nin sequera aparece neste. Fronte á súa ansia de escavar campos de fútbol para sacar uns míseros gramos de metal han dar con quen considera que a riqueza non é tanto o ouro coma o tempo e unha vida onde a pedra poida durmir sen perturbación, os animais pastar e as persoas vivir con dignidade da terra. Vostedes pensarán que producir ouro é moi importante pero o certo é que ata o de agora e que se saiba o ouro non pode comerse e as verduras frescas, a auga e para quen non sexa vexatariana, as vacas, os porcos, os coellos e os paspallás, si. 

Entendo que o meu tempo de intervención remata que xa oio pasos apresurados. Xa me darán as grazas outro día por esta pequena aproximación filolóxica que conclúo proclamando, mesmo sen ser filóloga eu mesma, que máis filoloxía e menos minería.