Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog unha recensión crítica sobre Volvo! O regreso de Usha, de María Reimóndez.

Non tan afastados como parece

Reimóndez presenta nesta novela curta dirixida a un público xuvenil a situación das rapazas nunha rexión da para nós remota India. En certo xeito esta novela curta paréceme unha adaptación á mentalidade dos rapaces e rapazas da novela de Salma Despois da medianoite, que traduciu precisamente Reimóndez e que comentamos alá polo 2011 neste blog.

Na novela, a través dos ollos de Usha, filla dunha médica cooperante galega na India, asistimos á vida cotiá dun fato de rapazas e rapaces que están no derradeiro curso de Primaria. O protagonismo é totalmente das rapazas e os rapaces ocupan unha posición secundaria. O relato está marcado polo tránsito da nenez á puberdade, sinalado pola aparición da menstruación e os prexuízos que sobre esta función fisiolóxica existen na sociedade tradicional onde viven Usha e mais os seus amigos e amigas.

En principio, perante uns ollos occidentais e europeocentristas, esa festa da menstruación parécenos algo estraño e fóra de lugar e tempo. Mais a axeitada comparación coa festa de primeira comuñón entre nós, mesmo por parte de quen se proclama ateo ou indiferente relixioso, amósanos que non somos tan diferentes. Por outra banda, a forma de informar sobre a sexualidade entre os compañeiros e compañeiras de Usha non é, posiblemente, tan diferente do que acontece nos nosos colexios, onde parece que a fisioloxía das rapazas vai por un lado e a dos rapaces por outro. No mesmo caso está que só vaian ás reunións dos colexios as nais e non os pais.

Estamos perante unha novela que transcorre nun lugar illado e do chamado Terceiro Mundo, mais que presenta un problema universal como é o do paso da nenez á puberdade marcado pola aparición da menstruación. Así mesmo se tratan temas propios desta etapa da vida como o descubrimento da amizade, o engado do sexo oposto e un fato máis de temas que son universais. Estamos moi afastados no espazo, mais non somos tan diferentes.

A novela serve tamén para concienciar sobre os problemas deste noso mundo globalizado que está dominado polo capitalismo salvaxe mesmo na medicina e na industria farmacéutica. Así mesmo son de salientar os contos tradicionais que relata a entrañable Gangamma. Estes relatos son ademais unha incitación para que os rapaces e rapazas comparen con fábulas e outros relatos da nosa cultura popular oral, mais tamén para que saiban que é o Panchatantra.

Pero a noveliña entra noutros problemas como o da liberdade de elección para ter ou non ter fillos, as familias monoparentais ou a creación por parte da sociedade occidental e consumista de necesidades que non son tales, como ben se pode ver na historia do boi dos cornos pintados. Por outra banda, hai unha frase na novela que é todo un canto á liberdade persoal e ás capacidades das persoas para elixiren por si mesmas a forma de vida que máis lles praza: E unha ten que facer o que quere realmente na vida… porque, en caso contrario, abre a porta da infelicidade. hai xente que non quere ter fillos e que se ve obrigada polas circunstancias, ou por presión social, e outra que quere e ao final acaba estando con alguén só para iso. Eu atopei a solución perfecta para min (páx. 90).

Xa que logo, novela xuvenil moi interesante. Os nosos rapaces e rapazas, evidentemente, non poden ler todas as novelas dirixidas a eles que publican as nosas editoriais. O profesorado, pais e nais e mesmo avós e avoas, tíos e tías, amigos e amigas da familia teñen que elixir entre esta oferta o que lles parece máis axeitado, polos motivos que sexa, para prescibilas como lectura ou como galano. Non só hai que mercarlles aos rapaces e rapazas roupa ou trebellos electrónicos. O libro tamén é un bo galano.

Mais que debe facer o profesorado ante os títulos que saen a diario dirixidos aos nenos e nenas? Eu coido que o profesorado, partindo dunhas bibliotecas de centro ben dotadas, aínda que non propoña a lectura enteira do libro, debe elixir anacos destas obras para ler e comentar nas clases. Se se trata nunha clase do paso da nenez á puberdade ou da globalización, esta novela ofrece textos moi bos para ler e comentar na derradeira etapa de Primaria ou na primeira da ESO. Se queremos falar da universalidade das fábulas na literatura popular, pois tamén esta novela ofrece materiais abondos. E así os rapaces e rapazas van coñecendo a nosa literatura actual. Claro para isto cómpren nos centros unhas bibliotecas ben dotadas, que seica non é o caso e un profesorado que guste da lectura e que non se deixe levar pola preguiza funcionaril de seguir sen máis o libro de texto, moitas veces tradución pura e dura do castelán, mesmo con textos tamén traducidos do castelán e non orixinais galegos. Sempre digo que non só en Lingua Galega, tamén en Coñecemento do Medio, Sociais… cómpre utilizar textos de noso. Así os alumnos e alumnas apreciarán a cultura de noso e non serán presa da diglosia cultural do libro traducido do castelán, mesmo nos textos que ilustran a teoría, especialmente en Coñecemento do Medio, Sociais e outras materias semellantes. O galego e mais a cultura de noso non só son tarefa da clase de Lingua e Literatura Galegas.

Manuel Rodríguez Alonso