María Reimóndez pertence ás novas fornadas de escritores e escritoras nados despois da morte de Franco ou mesmo un chisco antes, que xa tiveron acceso a un ensino regrado do galego en colexios e institutos e mesmo foron alumnos e alumnas das novas facultades de filoloxía galega ou tradución e interpretación. Fronte ao autodidactismo galego de xeracións anteriores, mesmo a dos oitenta, esta formación institucionalizada nótase e moito. E para ben. Aínda que sexan poetas comprometidos, como é o caso de Reimóndez, xa asimilaron que o compromiso só non vale e que a literatura é tamén técnica e traballo da lingua. Por outra banda, nestes escritores e escritoras, aínda que non se esqueza o galego, hai un claro interese polo que se denomina universal, como o compromiso coas sociedades menos desenvolvidas. Mais están xa lonxe dopaternalismo co que os mozos dos sesenta e setenta se referían ao Terceiro Mundo ou mesmo á idealización dos seus líderes e movementos políticos de reivindicación fronte a Occidente. Nesta liña hai que situar ese breve, mais interesantísimo, poemario de María Reimóndez.

Presente continuo nace da vivencia da India que experimentou a poeta, como se pode ver polas declaracións realizadas por esta. Poderiamos falar de exotismo, como acontecía no modernismo. Tamén poderiamos pensar que o interese polo afastado fai que se esqueza o propio. Mais desde o primeiro poema do libro o eu lírico establece a unión entre o propio e o afastado, pois conviven a muralla de Lugo, Samil e o mar de Karaikal (páx. 9). Non hai idealización das culturas exóticas, como facían os modernistas ou mesmo continuadores actuais, mais tampouco mentalidademisioneira de converter os doutras culturas aos valores de Occidente.

Nestes mundos tan afastados, o noso e o da India, a muller ten que cumprir co estereotipo que a sociedade patriarcal respectiva lle adxudica. Se a hindú ha de levar pulseiras, colares e ouro, a de aquí ten que comprar e comprar e comprar, facer dieta, ir ao ximnasio, coidar os vellos… Tan afastadas e aparentemente distintas, mais no fondo tan iguais baixo o patriarcalismo que non cesa! En definitiva, nunha axeitada imaxe da autora as mulleres son danos colaterais da cultura. Que fermosos e tan ben traídos eses versos sobre o machismo dos nacionalistas, que non querían que as mulleres accedesen ao voto! A autora acada verdadeiros logros idiomáticos como a parodia da linguaxe relixiosa aplicada á modernidade consumista ou ao machismo da sociedade desenvolvida: Os camiños do estilismo /-represor-/son inescrutables (páx. 17).

A poeta manexa doadamente o prosaísmo que, neste caso, non é defecto, senón procemento estilístico como acontece no poema “GLOSARIO DE DEFINICIÓNS / INTRANSFERIBLES”. Neste poema cómpre sinalar a antítese entre a visión modernista do exótico e a auténtica do compromiso: Que bonito sería sentar á beira dos ríos / cantar coa arpa cinguida ao van / ás xanas e aos elfos/…/ e crece o canto do zoar de anófeles/ con malaria./ E por iso digo poesía. Deste xeito a India, neste caso, mais calquera outra terra non está para ser admirada. / Está para comprometerse con ela (páx. 19).

O poema “Puja polas mulleres mortas” arrepía coa súa axeitada utilización en poesía do rexistro propio da chamada oratoria fúnebre. O enxalzado ou enxalzada nesta ocasión non é un morto ou unha morta célebres ou un personaxe histórico. A gabanza recíbena as mulleres anónimas que morren en todo o mundo a causa da violencia machista. Que fermosa esa hipálaxe demurchas aplicadas a fotos, tras falar de flores: e poño as flores / unha por unha / nas vosas fotos murchas.

Fronte á idealización parva de determinadas culturas ou pobos, só por estaren afastadas de nós ou polas desculpas que sempre ofrece a tradición, a autora non idealiza estas sociedades arredadas: …en Mumbai, no tren, / mil man demolen o meu corpo / e penes erectos refréganse contra min.

O poemario remata cun fermoso poema amoroso onde a paixón aparece como un gozo sensual e espiritual, do que se desexa que o seu tempo sexa o presente continuo. Non hai lembranza do amor pasado nin desexo dun amor futuro. Senón que ese amor é inmediatez, presente e ese presente ha de ser presente continuo / era o único tempo verbal / para quererte (páx. 43).

Xa que logo, poemario breve, que nos enfronta coa realidade do afastado Terceiro Mundo, mais tamén co noso e onde non falta tampouco a intimidade do amor, como acontece co derradeiro texto do libro.

Mágoa que cada día máis a poesía só quede só para profesores e profesoras ou algún letraferidoque sempre anda por aí solto. Non obstante, cómpre que estes poemas cheguen aos nosos mozos e mozas a través do Ensino oficial. Nos feixes de libros do alumno e do profesor (así denominados no argot pedagóxico) que pasaron e pasan polas miñas mans sempre se fala de transmitir valores rexeitadores do machismo ou da violencia de xénero. Que ben estaría para isto comentar na ESO ou en Bacharelato o poma antes citado “Puja polas mulleres mortas”. Ademais, o alumnado sabería así que a poesía tamén existe e que existen  poetas, que son mozos e mozas aínda, ou que hai vida alén de Rosalía, Curros, Pondal… Tamén que a poesía fala de cousas de hoxe e que non é pura arqueoloxía nin refrito de apuntamentos da carreira ou dos temas de oposicións de profesores e profesoras…

Este texto publicouse no blog do autor Bouvard e Pécuchet.