Por Noelia Fernández, deseñadora da portada de ‘En vías de extinción’

Nunha primeira lectura, a portada da novela En vías de extinción representa a falsa dicotomía do mundo moderno: campo-cidade, natural-artificial, progreso-ecoloxía… Outra lectura fala de Gaia, a protagonista da novela. 

Gaia, deusa que encarnaba a Terra na mitoloxía grega, nace no principio dos tempos da profunda fenda que é o caos. O caos é a urbe, a contaminación, o cemento; alí onde Gaia, a protagonista, nace para actuar como elemento ecolóxico. 

Gaia é unha muller forte coma un carballo, coas raíces ben ancoradas na terra. Unha muller que, por moito cemento que lle boten por riba, loita e se resiste a ser domesticada; ao igual que a natureza, que sempre acaba facendo rachas no cemento para poder saír á luz.