XORNALISTAS

>> Volver a Dende o conflito

sofia casanovaSofía Casanova (1861-1958)

A pesar do contraditoria que a súa figura e as súas alianzas poidan semellar dende a mirada actual, a escuridade que se apoderou da obra de Sofía Casanova espertou en min fonda curiosidade. A intersección entre a vida pública e a privada que manifesta a súa biografía e os seus escritos chamábame a atención, ao igual que a súa postura abertamente pacifista. Este foi se cadra o punto máis importante para achegarme aos seus textos, que presiden toda a primeira parte de Dende o conflito e tamén o feito de entender dende a óptica dunha xinealoxía (é dicir, o recoñecemento de que houbo outras antes ca nós) o traballo e posición de Saínza. O álbum de mulleres de Culturagalega.org ofrece unha interesante semblanza de Casanova.

 

 

 

marie-colvinMarie Colvin (1956-2012)

A morte de Marie Colvin en 2012 en Homs (Siria), cando estaba en pleno proceso de escrita da novela afectoume profundamente. Conmocionoume o seu traballo afouto e sobre todo a súa maneira de falar sobre a súa profesión, cunha serenidade abraiante. No libro que se publicou tras a súa morte en Siria, On the Front Line, The collected journalism of Marie Colvin, o recordo das palabras da súa irmá reafirmoume na necesidade de ver certas profesións dende dentro e de coñecer que detrás das noticias hai persoas que tocan as vidas de miles, lonxe e preto. Ás veces só nos damos conta cando esas persoas deixan de estar con nós. O día que Marie Colvin morreu non foi só a súa familia e compañeiras/os quen a choraron senón sobre todo as miles de persoas que se sentiron escoitadas, entre elas de maneira moi sobranceira as comunidades támiles de Vanni (Sri Lanka), onde perdeu o ollo e onde era moi querida. O seu traballo na rexión de Vanni serviume tamén para crear os momentos que Saínza pasa cubrindo o xenocidio no país asiático. Marie Brenner faille unha longa e merecida homenaxe aquí (en inglés), mais sigo pensando que o máis importante son os seus textos e conferencias, moitas delas accesibles en Youtube.

Emma GoldmanEmma Goldmann (1869-1940)

Se hai unha figura que poida considerarse incómoda sen ambaxes esa é a de Emma Goldmann. Esta activista anarcofeminista foi considerada en certa altura a muller máis perigosa dos Estados Unidos e ao longo da súa vida dedicouse a revolucionar, nunca mellor dito, todos os espazos polos que pasou. Sen dúbida foi a súa condición de feminista a que creou as maiores incomodidades dado que se negou a aceptar as visións eivadas dos homes dos movementos de suposta esquerda con respecto ao traballo e aos corpos das mulleres. Súa é a célebre frase «se non podo bailar non quero participar na vosa revolución», que precisamente marca ese rexeitamento das ideas masculinas de «revolución» que non pasaban por unha revisión dos réximes sexuais impostos. Goldmann foi unha gran oradora e cronista e percorreu os movementos obreiros coa súa voz sólida e feminista facéndoos audibles para o mundo.

martha gellhornMartha Gellhorn (1908-1998)

É bastante posible que chegase a Martha Gellhorn por Marie Colvin, quen levaba sempre consigo un libro coas súas crónicas. Sentín moi próximo o seu comportamento á escrita da novela, a esa busca dunha xinealoxía que parte do respecto á memoria común das que viñeron antes. Non é de estrañar a proximidade de Colvin con Gellhorn, quen hoxe en día é considerada unha das mellores xornalistas de guerra, home ou muller, do século XX. Non xa só polo feito de traballar durante 60 anos de forma afouta e feroz senón polo seu xeito de posicionarse de forma clara, no público e no privado. A miña simpatía cara a ela non coñeceu límites cando accedín ao seu libro Travels with Myself and Another no que subverteu os intentos recorrentes de reducila a «parella de Ernest Hemingway» negándolle o nome a ese «outro». Resulta sumamente triste que a pesar da súa estatura xornalística aínda hoxe sexa moitas veces recordada coma un apéndice deste escritor, cando ben podía ser precisamente ao contrario.

margaret mitchellMargaret Mitchell (1900-1949)

Saínza le unha cita desta xornalista mentres está en Iraq. Mitchell foi redactora do Atlanta Journal nos anos 20, nun momento no que a carreira de xornalista era algo impensable para unha muller nos Estados Unidos. Aínda así, ela insistiu e cubriu unha gran cantidade de temas, do trivial á política internacional, sempre cun estilo incisivo e crítico. Mitchell prestou especial atención á representación doutras mulleres que rompían moldes na súa época e tamén aos conflitos bélicos do seu presente. A súa carreira xornalística viuse interrompida por unha lesión de nocello que a levou a buscar unha vida algo máis tranquila… esa da que naceu outro tipo de escrita, un que a fixo mundialmente famosa pois Mitchell non é outra que a autora de Foise co vento.

helen-kirkpatrickHelen Kirkpatrick (1909-1997)

Outra das grandes voces que cubriron a II Guerra Mundial, Kirkpatrick estivo nos grandes momentos desta contenda, dende os bombardeos de Londres ás campañas no Norte de África. Entrou en París nun dos primeiros tanques que o fixeron tras a caída da ocupación Nazi e foi recoñecida no seu momento como unha das grandes voces xornalísticas de todos os tempos. Nunha época onde a imaxe era aínda pouco accesible, as súas palabras deron cor aos horrores da guerra en Europa como poucas outras.

Lara Logan Of CBS NewsLara Logan (1971-)

A pesar da súa longa carreira en diversos medios surafricanos e estadounidenses, Lara Logan fica impresa na memoria pola agresión sexual que sufriu durante as manifestacións na praza Tahrir en Exipto mentres cubría as protestas que conduciron á caída de Mubarak en 2011. Ou se cadra máis ben pola súa valentía á hora de facer público o incidente e poñer sobre a mesa un tema que adoita utilizarse como prexuízo cara ás mulleres xornalistas pero non como aspecto que deba analizarse de forma crítica e no que intervir de maneira prioritaria. Como en calquera caso de agresión sexual, moitas voces tentaron botar a culpa a Logan, volvendo ao vello prexuízo de que as mulleres non deben realizar certos traballos como o de correspondentes de guerra. As xornalistas deron resposta publicando No Woman’s Land un volume no que falan en propia voz de cuestións relativas ao prexuízo, á seguridade e á violencia sexual. Un aspecto que se cadra pasou máis desapercibido no ataque a Logan pero que a min me conmoveu poderosamente foi que cando moreas de homes a estaban agredindo, espida, na praza, foron as mulleres que se manifestaban as que a protexeron. Unha delas envolveuna no seu chador mentres as demais facían un círculo de protección ata que chegaron as forzas militares e a sacaron de Tahrir para levala a un hospital e trasladala aos Estados Unidos onde estivo catro días ingresada. (Foto: Chris Hondros/Getty Images)