Espazos

>> Volver a Dende o conflito

Ruanda

No ano 2009, moito máis tarde ca a Saínza mais igual ca ela, sentaba na terraza dun hotel do lado ruandés da fronteira que marca o lago Kivu e escoitaba os refachos de tiros do outro lado, na República Democrática do Congo…

Paquistán

Se ben polo de agora non tiven que ir a Afganistán como fai Saínza polo seu traballo, a experiencia de estar en Paquistán e comezar un traballo de certa continuidade no país faime coñecer e conmoverme de preto coa situación dun lugar dividido, esnaquizado dende o inicio polos intereses creados dos imperios que precisa como tantos outros da nosa proximidade. (Fotos de xaneiro de 2014).

Londres

Igual ca a Saínza, o meu contacto con Gran Bretaña empezou nos inicios da adolescencia. Londres é unha cidade coa que tiven que reconciliarme co tempo, porque no meu caso fun sempre de lugares máis pequenos. Mais Londres é a sede da BBC, parte fundamental desta historia. As fotos son de 2012.

Haití

Seguramente, xunto con Etiopía, Haití é o país que aparece en Dende o conflito co que teño unha relación máis en profundidade dado que traballo dende 2011 con grupos de mulleres de todo o país. Aínda que cando cheguei xa había un ano do terremoto non me resultou moi difícil revivir o que acontecera, tanto a través do que vía como sobre todo a través dos relatos das mulleres que aínda estaban (e algunhas seguen) en tendas de campaña. Escribín partes importantes de Dende o conflito estando en Haití e aínda hoxe, cando paso por diante das enormes instalacións das Nacións Unidas en Porto Príncipe non podo evitar mirar as torretas de vixilancia e imaxinar a Saínza correndo e facendo exercicio baixo a súa atenta ollada.

Berlín

Dende a primeira vez que visitei Berlín no ano 1997 a cidade deixou en min unha pegada que tentei transmitir tamén en Dende o conflito. O peso da historia combínase coa vida viva, co cotián, na miña recreación da cidade para esta novela. A miña última visita á que corresponden estas fotos foi precisamente a mesma semana na que me concederon o Xerais.

Etiopía

O ano de traballo e experimentación extrema da Saínza en Etiopía non podería narralo sen a longa relación que dende 2003 manteño co país e sen a fonda impresión que me deixou o privilexio de poder convivir de preto coas mulleres e comunidades da montaña de Wollo, que aparecen nestas fotos de 2008 e 2009.

Santiago de Compostela

Houbo unha época en que todo o mundo me preguntaba por que non ía vivir a Compostela, dado que polo meu traballo como intérprete estou a miúdo pola cidade. Ao final a xente comprendeu que unha pode querer unha cidade sen ter que vivir nela todo o tempo, algo que tamén lle pasa a Saínza en certo momento. Igual ca min, que teño en Compostela o meu irmao, ela ten alá parte da súa familia.