A crítica literaria Montse Pena Presas publicou no suplemento Faro da Cultura, no diario Faro de Vigo, unha recensión sobre En vías de extinción, na que asegura que “a autora sabe combinar a ficción co discurso ideolóxico”. “A través de Mariña/Gaia, percorremos dous micromundos complementarios á vez que enfrontados: o universo natural, caracterizado por xeitos de vida abertos ao que a terra ten que lles dicir; e o universo urbano, no que todo é perecedoiro e prescindible”, apunta a crítica.
Reproducimos o texto completo titulado Contra a indiferencia. Cando as cerdeiras resisten:
En vías de extinción supón un chanzo máis na poética de María Reimóndez. En obras anteriores, a nosa autora apostara por unha escrita cunha importante pegada reivindicativa: O club da calceta demostra como a sororidade entre as mulleres pode trocar o mundo; Usha abre unha fiestra sobre o voluntariado internacional e a interculturalidade e Pirata recorre ao transformismo feminino para denuciar que converténdonos por fóra nun outro masculino e singular, o poder acadado é radicalmente diferente.
A través de Mariña/Gaia, percorremos dous micromundos complementarios á vez que enfrontados: o universo natural, caracterizado por xeitos de vida abertos ao que a terra ten que lles dicir; e o universo urbano, no que todo é perecedoiro e prescindible.
O primeiro é o ámbito das seguridades e dos valores, mais no segundo habitan os medos e a falsidade (como simbolizan os personaxes que transitan cada un deles). Entrementres, Gaia –habitante por obriga da cidade– loita por facer agromar nela as carballeiras rexas das súas conviccións, coas bandeiras do feminismo,ecoloxismo e lingua por diante. Porque a protagonista rabuña por ser a muller que quere ser, por vivir no mundo que soñou e por falar o galego que mamou cando pícara.
Nunha trama que combina de forma intelixente ficción literaria e discurso ideolóxico ficcionalizado, o esquelete argumental é moi semellante ao das pólas dunha vizosa árbore, xa que cada unha leva á lectora ao espazo aberto, no que é obriga pechar os ollos e observar o que ocorre mentres vivimos.
Fronte aos programas televisivos do corazón, o activismo pacífico de defender un idioma, pois é a casa de todas; fronte á sociedade heteropatriarcal, a coraxe e a normalidade de berrar que quen se ama é outra muller; fronte ao poder asoballador do cemento, o esparexemento de árbores ceibes e así nun longo elo en que os interrogantes e as nosas propias respostas xorden insistentemente. Porque En vías de extinción é unha novela que esixe e que non deixa indiferente.
Reparen na(s) súa(s) lingua(s). Tamén na súa ideoloxía, a pesar de todo excesiva. Aínda que ninguén dixo que a literatura estivese exenta dela. Mais ben ao contrario.