O crítico Mario Regueira publicou esta fin de semana no semanario Sermos Galiza unha crítica literaria sobre a última novela de María Reimóndez, En vías de extinción. Regueira sinala que En vías de exintición “representa unha aposta moi orixinal no panorama actual da narrativa galega. Represéntao polo seu contido, cunha trama anticonvencional e ao mesmo tempo radicalmente contemporánea, capaz de reactualizar vellos temas coa determinación que esixen os novos tempos.”
 
Reproducimos o texto completo titulado De terra e de cemento:
 
A distribución do territorio e da sociedade galega na dicotomía rural/urbano é un dos temas máis recurrentes da nosa historia contemporánea. Se ben a tensión se agudizou a mediados dos sesenta coas intervencións franquistas sobre o territorio e continuou coa definición dos núcleos urbanos e a extinción das formas de vida rurais, o tema nin era novo nin sairía dos gabinetes dos xeógrafos ou dos antropólogos se non tivese as profundas implicacións de tipo social e nacional que ten. Galiza é un país colonizado ao que se lle pretende uniformizar a identidade coa do resto do Estado. Estes feitos políticos explican, entre outras cousas, a distribución lingüística das urbes como focos da castelanización, o seu cativo desenvolvemento indrustrial, e tamén que unha parte da esquerda erguese o ruralismo e un ecologismo non sempre ben tramado como cabalos de batalla. 
Resultaría doado situar calquera narración nestas coordenadas xa coñecidas, por iso o primeiro logro de En vías de extinción é o de formular unha paisaxe que fuxa dos tratamentos convencionais desta problemática. Aínda que as persoas previdas contra certa caste de esencialismos van erguer a cella ao ver que o nome da protagonista é Gaia e que os capítulos están organizados por nomes de árbores e artellados en torno a unha “cerna”, o certo é que a narración foxe de todo maniqueísmo en relación á cuestión. Na novela aparece un mundo rural esmorecente ao que a protagonista debe unha boa parte dos seus recursos vitais pero, da mesma forma que ese pasado non é un positivo absoluto, tamén o mundo contemporáneo no que se move, urbano e cosmopolita, non representa unha decadente deturpación do primeiro. A aposta continua en relación á cuestión ecoloxista, da que se fará unha crítica explícita no que respecta ás súas variantes máis místicas e biócratas, sinalando as súas alternativas de consciencia individual na procura dunha sociedade sostíbel baseada na igualdade. 
De todas as lecturas demorámonos nesta cuestión se cadra por ter debilidade por ela, porén, En vías de extinción atinxe, nun rico abano, moitas máis temáticas difíciles de tratar por separado. As aventuras da súa protagonista daranlle pé para falar do papel das mulleres no mundo contemporáneo, dos avatares que aínda presentan as relacións homosexuais na nosa sociedade, ou da importancia da familia volitiva como superación nos nosos días da tradicional familia de sangue. Ao mesmo tempo, tamén hai unha profunda reflexión sobre a comunicación, sobre a subalternidade dos pobos e das linguas, e tócase tamén a temática dun mundo no que a vida privada das persoas pode axiña erse ameazada pola presión dos mass-media. O contido xira por mil paraxes fuxinto dun tratamento convencional, transcende a simple historia persoal de Gaia para amosarnos un mundo con moitas vertentes e unha miríade de implicacións que esixen dunha toma de posición imposíbel de adoptar sen unha consciencia política persoal. 
Porén, se cadra sexa esa unha das poucas pexas que se poden apoñer ao desenvolvemento da obra: a sobrecarga na trama de varios discursos políticos, moitas veces expresados nun ton aleccionador, que poden chegar a producir un certo fastío mesmo nas persoas que máis sintonía teñen co seu contido. Cabe dicir que a forma de presentar unha parte deses discursos é abondo orixinal, a través de codas puramente ensaísticas ou cunha forte carga teórica, que ademais despregan un gorentoso xogo de referencias e intertextualidades, pero que mesmo así non deixan de afectar ao ritmo e ao ton da narración, tinxíndoa por veces dun certo didactismo. 
Hai que destacar que En vías de exintición representa unha aposta moi orixinal no panorama actual da narrativa galega. Represéntao polo seu contido, cunha trama anticonvencional e ao mesmo tempo radicalmente contemporánea, capaz de reactualizar vellos temas coa determinación que esixen os novos tempos. Da mesma forma, tamén destaca polas técnicas empregadas, partindo da distribución “arbórea” dos capítulos, que predetermina a non linealidade da súa narración, e seguindo polos discursos alternativos ou a enxurrada a referencias e textos adxacentes empregados. Tamén, e isto non é menos importante conta cunha protagonista cunha personalidade minuciosamente definda coa que resulta doado caer nunha corrente de fonda simpatía.