Onte celebrouse en Pontevedra a presentación de En vías de extinción. No acto, celebrado na Libraría Paz, participaron Eva Mejuto, Fran Alonso e María Reimóndez.
Na presentación da novela tivo lugar o sorteo de dous libros de María Reimóndez, Usha e O club da calceta, entre todas as persoas que enviaron tweets á conta de Twitter @ViasDeExtincion. Unha persoa entre o público escolleu o tweet gañador, que pertence a @luchinhagz:
Ademais, as/os asistentes ao acto tiveron a oportunidade de degustar tarta de mazá -un doce que trae moitos recordos a Gaia- e un discurso inédito da protagonista da novela en relación a unha proposta de entrevista dunha revista feminina. A continuación reprodúcese o contido.
![]() |
O tweet gañador e a tarta de mazá. |
>> Discurso inédito de Gaia Dobao Pombo, protagonista de En vías de extinción (non aparece na novela):
Nos días posteriores a que Gaia participase nun coñecido programa do corazón de difusión estatal, unha revista “feminina” púxose en contacto con ela para concertar unha entrevista. Estes son os correos que se intercambiaron.
Querida Gaia:
Recibe un cordial saludo Cosmo. Nos gustaría saber si podríamos hacerte una entrevista bien para nuestro canal televisivo o para nuestra publicación en papel. Hemos intentado sin éxito ponernos en contacto contigo por teléfono.
Esperamos tus noticias!
Laura Pérez
Redacción
Gaia contestou:
Laura:
Só contesto solicitudes de entrevista na miña lingua e non contesto entrevistas para formatos en papel, que logo escribides o que vos sae da nabiza. Tampouco entendo cal é o obxectivo da entrevista.
Saúde,
G
A redactora insistiu:
Querida Gaia:
Grazas polo seu correo-e, entón nós queremos facer unha entrevista con vostede para o noso canle de televisión. O motivo da entrevista é o interese na súa persoa pública, cremos que os nosos lectores quere coñecer unha muller forte coma ti, con cousas para dicir. Enviamos algunha referencia preguntas.
Espero GoogleTranslate traballou ben!
Un abrazo,
Laura Pérez
Gaia contestou:
Laura, o Googletranslate funciona coma o carallo. Non vou aceptar a entrevista, no arquivo anexo, que non tedes permiso para utilizar, atoparedes as razóns.
CONTESTACIÓN Á BATERÍA DE PREGUNTAS ENVIADA POR UNHA REVISTA “FEMININA” A GAIA, GRAVADA NUN ARQUIVO DE SON
![]() |
María Reimóndez na Libraría Paz. Ao fondo, os tweets. |
Antes de comezar a contestar ningunha pregunta, se se lle pode chamar así a isto que me enviades, querería aclarar que é iso de que vos interesan as “mulleres fortes”. Botei unha ollada á vosa revista, da cal non son lectora, como seguramente xa teriades intuición se vos funciona minimamente a intelixencia. Comprobo que para vós as mulleres fortes son aquelas que saben como facerlle unha boa mamada ao seu home, que pensan que os orgasmos se producen por penetración e que a maior reflexión que lle dedican ao seu corpo é comprobar onde están as engurras, a pel de laranxa, os michelíns, onde botar a crema e onde poñerlle a roupa interior axeitada. Efectivamente, non encaixo moito. Pero non quita que esta grande dose de trivialidade que botades como unha intensa cuberta de fariña sobre pan acabado de cocer non me cegue ao evidente: que o trivial é político (seguro que as vosas lectoras ignoran a frase que tomei de referencia, pero é o que fai a mestura de papel gloss e mascara extralonga, que cegan bastante). E se me permitides, como o meu traballo é interpretar e traducir, vou facer unha tradución das vosas trivialidades ao político. Por, como diría Celso Emilio que non, non é un cantante venezolano nin protagonista dun culebrón, porque si, porque me peta. Na vosa xerga: “Because I’m worth it”, momento Loreal.
Unha das vosas preguntas dicía así: Te hemos visto en algunos actos públicos con MK y pareces tener un estilo muy personal, entre andrógino y sensual. ¿Cómo construyes tu estilo? Empecemos coa tradución. A primeira parte da frase xa deixa claro que a razón para contactardes comigo non era se son ou deixo de ser unha muller forte, senón o feito de que teño unha moza famosa. Polo demais, xa puiden descubrir a cura da malaria, ou do cancro de mama, que vos gusta máis porque non fai distinción de clases sociais nin de países, ou gañar unha maratón ou deter a destrución da Amazonía. Nunca sairía na vosa revista de patacón. Así que primeiro punto aclarado. E logo falades de estilo, como se as mulleres non tivesemos máis que facer ca pensar no aspecto que temos e en conseguir cousas na vida a través del. Tedes un concepto de muller forte que lle ronca o nabo.
Interésame tamén a vosa escolla de palabras: andróxino e sensual. Dubido que esteades a piques de facer unha reportaxe sobre o queer, aínda que como agora está de moda erades ata capaces. Pero en calquera caso está claro que conceptualizades certas prendas de vestir, imaxino que as que a min me gustan (os tirantes, o chaleco, pantalóns, o pelo curto?) como de homes pero ao tempo tedes que desactivalas con iso de “sensual”, non vaia ser que pensemos xa non que somos homes, que iso é algo que deixo en mans das compañeiras trans, a min non me interesa o máis mínimo, senón, intúo que podemos acceder ao poder dos homes. Hai que desarmar todo con leccións de estilo, non vaia ser que nos dea por levar os pantalóns anchos, rañar a entreperna, responder a hostias coas que nos dan, baixar dos tacóns e montar un dios. O día que publiquedes algo diso, contade comigo.
![]() |
Un momento do acto de presentación. |
Logo está o de preguntarme por consellos de beleza, que irá na mesma liña, imaxino e tamén ao tempo preguntades: ¿Cómo es la vida con MK detrás de las cámaras? ¿Y delante? E vouvos contestar ás dúas cousas xuntas. Queredes falar da MK? Pois primeiro de nada dicide que é a miña moza. Non a miña amiga, moi amiga, relación especial e eufemismos deses. Dicide a palabra que tanto medo vos dá. Lesbiana. Ah, e o peor do caso, ela tamén é! Agardo con ansiedade a vosa reportaxe sobre como facer feliz á túa moza na cama, os 30 trucos para provocarlle o orgasmo a outra muller e como facer que ela caia rendida aos teus pés. E se queredes falar aínda máis da miña moza se cadra tamén teriades que comentar de que país provén, de que pobo, de que lugar, de que mulleres, esas si, fortes. As mesmas mulleres ás que coa vosa promoción do consumo esmagades en cada páxina a toda cor. Porque as vosas cremas de merda están feitas cos seus recursos naturais, co seu alimento. Os vosos vestidos mini e bolsos clutch coa explotación das súas mans. Queredes falar diso? Tédesnos ás dúas espidas na próxima portada.
Así que, queridas amigas Cosmo, non vou contestar ás vosas preguntas porque sodes o novo vello. Creo que entre a vosa revista e unha daquelas dos anos 50 nas que se lles dicía ás mulleres como ser as perfectas casadas hai ben pouca diferenza. Ben, daquelas as mulleres non debían falar de sexo e agora teñen que falar a todas horas. No fondo, vén sendo todo a mesma cousa. E eu non digo que non haxa que falar de sexo, claro, pero de sexo falan as feministas cos corpos e coas palabras. O sexo é algo entre o natural e o construído, sen dúbida un dos lugares máis importantes nos que loitar contra o poder e a sumisión. É comunicación en estado puro, o que vós vendedes son obxectos de frustración e poder. Formas de sometemento empaquetadas con lazos rosa. E non vou chegar ás teses de Andrea Dworkin e dicir que todo acto de sexo cun home é unha violación, primeiro porque non practico e todo me libre de meterme na vida das hetero ou bisexuais, pero as formas de sexo das que vós falades e promovedes, sen dúbida si. Para exemplo, cito textualmente, as traducións, de varios idiomas, que son miñas. Titulares: “Como poñer quente a un home”, “Os teus peitos chamaron e sentíronse ignorados (co subtítulo: como darlles pracer)”,”Todo sobre o orgasmo feminino”, “O tío grileiro do día”, “Amizade mozo/ moza, é posible?”. “Atenta ao teu reloxo biolóxico, que se che pasa o arroz”.
Unha revista como a vosa, sinceramente, o que precisa é dinamita. Porque sodes o opio das mulleres e mesmo con todo o voso brillo e fotos retocadas eu non usaría unha páxina nin para envolver un chourizo. Se isto é o que debemos ler as mulleres, prefiro que se me considere un animal. E agora se aínda tedes glamour, mandádeme un test Cosmo.