Manuel Bragado, director de Xerais, e o crítico literario Ramón Nicolás dan conta nos seus respectivos blogs da presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez, na Feira do Libro de Vigo.
En Brétemas, Manuel Bragado fai fincapé na estrutura da novela e no significao desta: “Sete especies de árbores (toxo, abeleira, uz, carballo, acivro, pradairo e castiñeiro), diferenciando en cada unha delas as vetas e a cerna (onde reside a memoria e a lingua da infancia e da familia), achegan esoutro conflito, o existente entre a sociedade urbana e un mundo que semella en vías ou perigo de extinción, o das formas de vida e cultura tradicional da montaña lucense, onde naceu a protagonista; un debate, en definitiva, sobre a biodiversidade e o futuro ecolóxico que nos agarda.”
Pola súa banda, Ramón Nicolás fai un resumo no Caderno da crítica sobre a intervención de Manuel Bragado, Michael Skinner e María Reimóndez: “Un libro, ao que parece, radical -que vén de raíz-, innovador, plural, que esculca na verdadeira faciana de moitas cousas, que defende o dereito á intimidade e á biodiversidade, con argumentos literariamente contundentes mais tamén con retranca.”
![]() |
Michael Skinner, María Reimóndez e Manuel Bragado na Feira do Libro en Vigo. |