A escritora luguesa María Reimóndez foi a encargada de ler o pregón nas Festas do San Xoán de Becerreá o día 23 de xuño. Velaquí o texto que leu ante as veciñas e veciños becerrenses:

becerrea copiaXa está aquí a noite de San Xoán. Estou segura de que esta noite, como tantas outras noites dende hai séculos, as montañas, as árbores e os animais, nos observan con interese tentando entender a que nos dedicamos, por que saímos apañar as herbas, a conta de que saltamos o lume ou bailamos. Temos a sorte de celebrar aínda nun lugar onde non nos rodean unicamente os eucaliptos, onde os seus habitantes, todas e todos vós, non puxestes a cobiza por diante dos carballos, castiñeiros e acivros prendéndolles lume. Onde aínda os lobos atopan un lugar onde morar. Onde aínda a xente entende que o diñeiro non se come, o que dá a terra si, e que non hai maior dignidade que acompañar os seus ciclos de vida e recoller dela os froitos cando corresponde.

Nesta noite todo volve á vida, empezando polas montañas que me unen e nos unen sempre a todas as demais montañas do mundo. Imaxino esta noite as conversas, os ecos da pena do Pico chegando aos Tres Bispos, percorrendo enormes distancias para nos lembrar que a fin de contas somos nós canda a elas quen creamos o lugar que habitamos, o noso hábitat.

Becerreá forma parte do meu, da miña infancia, do meu presente e do meu mundo literario. Aquí foi onde miña avoa Marina e meu avó Victor me ensinaron a falar a lingua que tantos outros quixeron negarme. Aquí foi onde aprendín os nomes dos fentos e dos tróqueles e dos raposos e dos lobos e do xabarín. O meu avó aprendeume o zunar das abellas e a importancia de escoitar e observar. A miña avoa ensinoume que o afecto é sempre quen de vencer os desacordos e foi a primeira en chamarme “a pequena Rosalía” naquelas semanas de setembro nos Ancares que eu dedicaba a escribir tardes enteiras en cadernos. Admito que daquelas o apelativo me mortificaba pero logo entendín que demostraba que por moito que me rifase por ler seguido dicíndome iso de que era malo para a vista, no fondo valoraba o que facía. Miña avoa traballou toda a vida, atrapada nas contradicións daquilo que aprendera durante a breve segunda república e toda a represión que veu despois.

No fondo das súas advertencias que buscaban acoutar a miña liberade polos límites que a ela mesma lle impuxeran, latexou sempre un afán de vida ben distinto. Aquel que me daba a entender cando me rifaba por ir andar soa polo monte que os lobos máis perigosos para as mulleres seguen sendo os que teñen dúas patas, en especial os que conviven baixo o mesmo teito. Miña avoa conservou sempre moitos afáns que non se lle permitía expresar, coma o de viaxar, o que facía que, se cadra sen que ninguén o soubese, e sen que ninguén lle dese a máis mínima importancia, seguise sempre as miñas viaxes nun atlas, aquel que se cadra debera ser o da súa vida, aquel no que aprendeu a ler un futuro que lle fanaron. Foi grazas ás angueiras, traballos e contradicións da nena de Vilouta, e de tantas coma ela, que quixo ser e non puido que hoxe outras podemos ser.

Esta noite murmuran as follas verdes dos carballos e dos castiñeiros, dos pradairos, dos acivros, das cerdeiras e dos pumares, coa memoria de tantas persoas. Estou segura de que con elas falan tamén Celia e Manuel, os pais da miña tía Sara. Persoas que me aprenderon que a dignidade non pasa nunca polos cartos nin polas escolas senón pola intelixencia e pola sensibilidade cara ás outras. Seguramente todas as persoas que a coñecestes recordaredes a retranca de Celia e a súa capacidade para botar sempre a sentencia axeitada. E Manuel, fronte a eses homes que van pola vida tendo que pisar aos demais e sobre todo ás demais, amosou sempre que querer non consiste en posuír nin en quedar por riba, en tratar ás mulleres coma farrapos. Moi ao contrario, sempre da súa boca saíron palabras de cariño e de admiración para Celia e estou segura de que na vida pouca herdanza pode haber máis valiosa ca esa.

As árbores falan sen dúbida esta noite do que é evidente, de que nada pode existir se non ten raíces. Seguramente están debatendo os soutos e as carballeiras nesta noite onde todo volve á vida a estupidez daqueles que queren facernos crer que o lugar de onde provimos, a lingua que falamos, a experiencia de ter as mans na terra, non vale para nada. Que temos que resignarnos a vivir para emigrar. Calquera árbore comprende que a lingua que falamos é un fogar dende o cal aprender o mundo. Un fogar, ademais, de portas abertas, porque unha lingua non limita quen somos, ao contrario, permítenos evolucionar, aprender e expresar un millón de formas de ser e de entender o mundo. Estou certa de que as árbores senten vergoña allea de quen pretende volvernos dicir, como lle ensinaron ao meu pai a través da vara do mestre da escola, que o galego non vale para nada. Tamén estou certa de que hoxe e todas as noites erguen as súas pólas ao ceo coa esperanza de que non cedamos ante eses discursos e sobre todo ante esas políticas que fan que na actualidade só nun 2% dos colexios infantís das cidades estea permitido ensinar en galego, fanándonos así o futuro, excluíndo as nenas e nenos da aprendizaxe do noso maior ben común e deixándonos orfas de quen nos entenda cando sexamos vellas.

Por fortuna, esta noite podemos invocar a todos os animais e espíritos para facer que o lume nos purifique e nos faga máis fortes. Usaremos a intelixencia do raposo para vencer cos argumentos da razón tanto prexuízo. Seremos túzaras como xabarís á hora de turrar contra quen pretende establecer unha sociedade de ricos na que uns poucos teñen moito a costa do resto. Aprenderemos dos lobos a andar sempre en manada, a non deixar a ninguén atrás, a camiñar longas distancias mesmo no máis frío inverno. Traballaremos coma as abellas sen descanso para transformar o que temos nun lugar aínda mellor.

Pasar esta noite de lume é sen dúbida invocar todos os espíritos, as esencias de todos os animais e dos ancestros para coller folgos e mañá seguir traballando. Mais agora é aínda hoxe, é o tempo de folgar, de bailar, de troulear. Así que aproveitemos o lume e a festa e que comece o San Xoán!