Noticieirogalego.com publicou unha entrevista que lle fixo Carlos Loureiro Rodríguez a María Reimóndez, gañadora do Premio Xerais de Novela 2014 con Dende o conflito.

María Reimóndez, un compromiso exemplar

María Reimóndez, (Lugo, 1975) é na actualidade unha das voces literarias galegas máis relevantes, cultivando os diferentes xéneros literarios. Muller cun compromiso persoal exemplar con este país, coa liberación da muller, co antibelicismo… Veń de gañar o “Premio Xerais” deste ano coa novelaDende o conflito.

Prezada María, imos facer unha viaxe á túa xuventude. De que maneira marcou a túa infancia, o teu lugar de nacemento, a túa obra literaria tal e como recoñeciches ti mesma?

A teórica feminista india Gayatri C. Spivak fala sempre do «accidente do seu nacemento» para marcar de que xeito unhas persoas nacen con certos privilexios e outras non. Eu creo coma ela que o nacemento é un accidente pero non o que unha fai despois dos espazos e experiencias que vai acumulando durante os primeiros anos de vida. Sen dúbida no meu caso convivín con lugares que seguen sendo vitais para min, tamén no literario. Creo que neste momento o espazo máis fundamental é a comarca ancaresa da miña familia paterna, un espazo de aprendizaxe da vida que creo que levo moi fondo. De aí vénme a lingua pero tamén moitas outras cousas. O vínculo co monte, coas árbores, co espazo natural e tamén unha forma de entender o coñecemento que non pasa polos libros. Cómpre pensar que son a primeira muller da miña familia e a segunda persoa, contando a meu irmán que é dous anos maior, que accedeu á universidade.

maria-reimondez-infanciaVivir rodeada de persoas que sabían moito sen ter constatacións oficiais creo que foi unha gran lección que levarei comigo para sempre. Mais hai outros espazos que aparecen ou irán aparecendo na miña obra como Vilalba, onde pasei tres anos na miña infancia e moitas fins de semana adolescente e por suposto a miña cidade de orixe, Lugo.

Tan precoz á hora de comezares a escribir, por que teremos que agardar até o séc. XXI para ver publicada a túa primeira obra?

A escrita e a publicación moitas veces van por camiños distintos, con sorte converxen nalgún punto e unha ten a fortuna de ver as súas obras publicadas. No meu caso foi así, dunha maneira case accidental, que no ano 2002 vinModa galega publicado. Traballaba daquelas nunha tradución para Edicións Positivas e deume por levarlle a Paco Macías, o editor, a primeira parte do libro. De inmediato dixo que si. Mais para chegar aí unha ten que escribir moito antes, ten que deixar cousas a ler, ten que ler moito e non deixar de aprender nunca, antes ou despois de publicar. E sobre todo non deixar de divertirse coa escrita, creo eu.

Sentiches nalgún momento que os medios de comunicación escritos deste país, digamos que profundamente antigaleguistas, amosasen certa reticencia, por non dicirmos censura, cara ti pola túa encomiábel crítica a “La voz de Galicia” na entrega do premio por A dúbida?

Son a única autora que gañou o premio de novela por entregas á que non lle fixeron nin unha mísera entrevista nin no xornal nin no resto de formatos que ten o grupo Voz (quitando unha breve entrevista de radio ao día seguinte). Creo que isto xa contesta a pregunta. Mais a dicir verdade o que máis me chamou a atención de todo ese asunto foi que se vise o que eu dixen como algo «revolucionario» por dicilo diante das autoridades e na sede do propio medio. Se non dicimos as cousas a quen debe oílas, para que falar? Se non falamos nós que podemos, quen o fará? Logo “La Voz” ou calquera outro medio pode tentar silenciarnos pero precisamente é abaixar a cabeza, como fai tanta xente, supoño que para que a saquen no xornal, o que fai que continúe coa súa liña editorial e coas súas prácticas máis que criticables. Ademais, a censura da “Voz” non é nada se comparamos coas consecuencias ás que se teñen que enfrontar tantas persoas, en particular mulleres, no mundo por ter voz propia. Así que falar en certas situacións é tamén unha maneira de honrar a aquelas que falando arriscan a vida, son moitas as que morreron, no noso país tamén, para que nós hoxe poidamos falar. Por outra banda, vivimos nun momento no que temos na nosa man medios potentes para falar directamente coas persoas, como son os medios sociais,os blogs ou as webs, e onde se nos pode escoitar con claridade e sen mediación. O noso medo crea o seu poder.

maria-reimondez-5Nin que pensar se neste país unha persoa contestase a unhas preguntas en castelán e se lle traducisen ao galego como fan cando a estes medios se lles resposta en galego e “pola liña editorial” sen permiso xa o pasan ao castelán…

Este é un síntoma da anormalidade na que vivimos e dunha maneira de rachar cos referentes propios. Cando unha persoa le unha entrevista con alguén que lle pode interesar polos seus méritos deportivos, literarios, artísticos, etc. e esas persoas aparecen sempre falando en castelán entón quen le asocia o mérito ao castelán, cando en realidade a maioría de persoas que fan cultura e moitas outras cousas en Galicia traballan dende o galego.

Até que punto a nosa administración lingüística ten a culpa por non subvencionar aos medios de comunicación polo seu apoio á nosa lingua e non primar outros criterios que o único que levan a que a nosa normalización lingüística sufra o que está a sufrir?

A responsabilidade da administración está claramente delimitada no Estatuto de Autonomía e na Lei de Normalización Lingüística e é evidente, abonda con ver os últimos datos de uso do galego, que en ningún momento nin campo se dedicaron a cumprila. O PP alenta grupos fascistas como “Galicia Bilingüe” que buscan crear unha opinión contraria ao galego usando os prexuízos existentes. Creo que se os medios se dedicasen a denunciar, no canto de gabar e dar visibilidade, tales prexuízos e corpúsculos pouca axuda máis deles precisaría o galego.

Cando e por que xurdiu en ti esa abnegación coa cooperación internacional sobre todo con países subdesenvolvidos?

Eu abnegación ningunha, que conste haha. A miña preocupación pola cooperación internacional parte de non alterar moitas das cousas que vía e nas que cría cando era pequena. Sempre me resultou incomprensible a desigualdade e a explotación, ségueme resultando incomprensible que 2/3 da humanidade viva en situación de pobreza extrema para que o outro tercio restante viva, polo menos ata recentemente, na comodidade máis absoluta. Agora que nos queixamos pola suposta «crise» deberiamos talvez pensar que levamos promovendo estas políticas noutros países décadas e nunca nos importou. Pola contra, os colectivos dos países do Sur si deixan a pel e moitas veces a vida, en particular as mulleres, en traballar por dereitos dos que logo todas nos beneficiamos (véxase por exemplo o tema dos medicamentos, se non fose polas activistas do sur non teriamos medicamentos xenéricos, que son moito máis baratos). Por iso eu sempre digo que como persoas occidentais o noso papel é ir nin sequera a carón das activistas do sur, senón detrás delas, empurrando nas nosas sociedades para cambiar, sobre todo, a mentalidade colonial que amosamos a cada paso.

Realizaches bastantes traducións ao noso idioma, sobre todo do alemán e do inglés. Non botas de menos que a nosa literatura, especialmente a contemporánea, estea pasada a outros idiomas e que noutros países puidesen ver o noso excepcional momento literario actual? Non se debería apostar en firme desde a nosa administración por esta exportación literaria?

Dixen xa algunha vez que considero o meu traballo como tradutora un dos activismos máis importantes porque ter a capacidade de mediar a palabra doutras é unha responsabilidade magnífica. É evidente que para un sistema literario coma o noso, totalmente invisibilizado xa dentro da súa propia comunidade, contar cunha plataforma de visibilización fóra é fundamental para que se nos traduza. Se non te ven, non te traducen. As poucas traducións que hai do galego a outros idiomas son resultado do activismo de tradutoras e tradutores amantes da nosa lingua que suplen un traballo institucional sempre pendente e que é agora máis urxente ca nunca. Dito isto, cómpre sinalar tamén que o que escribimos debe de ser realmente singular e de calidade porque a pesar das invisiblidades somos quen de traspasar fronteiras.

Conforme vimos antes o teu compromiso lingüístico, tamén teriamos que falar do teu compromiso en contra da discriminación da muller, sobre todo naquel “affaire” pola tradución da obraThe Curious Incident of the Dog in the Night-time por te negares a manter o enfoque machista na túa tradución e bateres coa intransixencia do editor…

A tradución é un espazo de mediación fundamental. E é precisamente neses procesos de mediación onde se vai construíndo o poder dominante. Rara vez nos paramos a pensar que a maioría das cousas que lemos e mesmo aquelas que ditaminan a nosa vida, coma as leis, están mediadas por procesos de tradución. Dito isto, como calquera tradutora, a persoa que son noutros campos é tamén a persoa que traduce. No caso concreto que comentas a representación nesgada e falaz que o editor fixo de todo o acontecido deu a entender cousas que nin sequera aconteceron, pois eu o único que fixen foi elixir de forma diversa formas en galego para substantivos que en inglés eran indiscernibles en canto ao xénero (o inglés non ten xénero gramatical, cando traducimos desa lingua moi a miúdo temos que facer escollas neste nivel), co cal nin o masculino nin o feminino podía xustificarse per se. A insistencia do editor de cambiar certas escollas miñas en particular foi o que desencadeou o conflito, dado que insistía en que «a surfer» fose un surfeiro e «Liar» unha mentireira, curiosamente, sen que houbese nada absolutamente no contexto que indicase cal era o xénero destes substantivos, pois eran anecdóticos para a trama. Mais el insistiu en impoñer a súa escolla, para min claramente nesgada. En toda a miña experiencia laboral nunca se me impuxo unha corrección que eu non aceptase, polos motivos que fose, dado que os textos, sexan orixinais ou traducións, por moito que pasen por procesos editoriais, levan o nome dunha e como tales ten que defendelos. Por fortuna, como digo, este caso é unha excepción da que cómpre tirar cada quen as súas conclusións. Eu teño claro que traballar dende a ética implica non aceptar certo tipo de imposicións ou discursos (como por exemplo ese que di que as tradutoras temos que ser invisibles, que somos as criadas dos autores, etc.).

O sexismo na tradución é algo permanente, por certo, e cara ao que cumpriría prestar máis atención. Atopa unha con frecuencia textos de xinecoloxía traducidos que falan de «os pacientes», por exemplo. Ou recentemente circulaba polo facebook unha tradución de Malala Youzafzai no que en inglés di «A child, a teacher…» e, en castelán, «Un niño, un maestro». Tendo en conta que en inglés estes dous termos son inclusivos de xénero, pero sobre todo tendo en conta que Malala defende a educación das nenas por enriba de todo, cuestión pola que lle pegaron un tiro os talibáns, traducir en masculino o que di non me parece unha cuestión menor. É un tema moi amplo e no que hai moitos exemplos, simplemente deixo aquí estas liñas para axudar a reflexionar sobre o asunto.

Claro, para o editor, o feito de facer respectar na tradución a igualdade era “Unha manipulación da obra“…

Xa contestei antes, pero para afondar un chisco máis, toda tradución é unha manipulación, igual que o é toda escrita. Falamos de manipulación no sentido de mediación, porque cada persoa le o texto dende a súa posición. Para min a profesionalidade é explicitar dende onde se len os textos, o contrario é difundir ideoloxía dominante, por exemplo sexista (porque se traduce sistematicamente «nurse» como enfermeira cando a palabra en inglés non determina o xénero, por exemplo, e logo se defende que o masculino debe ser «xenérico»?), de maneira agochada, utilizando este tipo de argumentos falaces. As ideas que manifestou o editor durante o debate deste caso son bastante típicas da tradición occidental máis rancia, onde aínda se parte de ideas do orixinal como sagrado, algo que ten que ver co feito de que o pensamento sobre a tradución en occidente a partir da Idade Media nace coa tradución da Biblia. Persoalmente creo que é hora de avanzar un chisco no período histórico e deixar a Biblia e a Idade Media onde están, no pasado. (É interesante ver que para moitas culturas non occidentais os conceptos tan contraproducentes e manidos de fidelidade, neutralidade, etc. non significan absolutamente nada porque non toman a doutrina da Igrexa da única interpretación como referencia).

Son cada vez máis as voces (sobre todo de mulleres) que claman contra do machismo lingüístico existente (María Xosé Queixán, Aurora Marco, ti mesma…) Que ten que ocorrer para que dunha vez por todas se intente atallar este problema lingüístico? Teremos que agardar a que tamén mude esta nosa sociedade contemporánea?

Non hai cambio social sen cambio na linguaxe. As dúas cousas van da man. Eu non son de agardar, son máis de facer. Creo que se as persoas deixásemos de agardar e tomásemos máis as cousas nas nosas mans o mundo funcionaría mellor. Niso os feminismos son sempre un exemplo porque non só poñen o dedo na chaga do sexismo e a desigualdade senón que ofrecen alternativas. Agora está na man de cada quen poñelas en marcha porque mentres sigamos conceptualizado a sociedade en masculino malamente as mulleres imos chegar a ningún lado.

Naceu contigo a rebeldía ou foi consecuencia das circunstancias que fuches enxergando nesta sociedade?

As dúas cousas, imaxino. Sigo pensando que cando somos pequenas temos certa capacidade para ver a vida sen todo o adoutrinamento da socialización patriarcal. Podemos agudizar ese sentido ou deixalo pasar. Se eliximos o primeiro estaremos toda a vida en proceso de desaprendizaxe e de aprendizaxes novas.

As mulleres rebeldes que soen ser protagonistas das túas novelas son o teu “alter ego”?

Non, son personaxes que saen da miña experiencia vital, do meu coñecemento, das miñas reflexións, desexos e capacidade creativa, na humilde medida que me é posible. Todas son eu en moitos sentidos pero ningunha é eu exactamente. Iso é o máis interesante da escrita para min, crear personaxes. Non creo que eu, como individua, teña interese ningún para as lectoras e lectores, non me intereso como obxecto literario para nada.

maria-reimondez-3Que ten Gaia, esa muller, feminista, loitadora, nacionalista… protagonista de En vías de extinción, de María Reimóndez?

Como dicía antes, todas as personaxes teñen cousas miñas e ningunha é o meu alter ego pero se tivese que elixir a que está máis próxima a min no sentir e facer, esa sería Gaia. Ten moito da miña familia ancaresa, ten moito dun certo tuzarismo que provén deses raíces e no pensamento si que somos cuspidiñas. Logo hai outras cousas nas que somos moi diferentes, Luís Tosar describía as nosas diferenzas na presentación na que me acompañou da obra en Lugo dicindo que eu teño máis «habilidades sociais». Imaxino que terá razón.

Que ten que ocorrer para que unha muller que aparece como personaxe secundario nunha obra túa pase a ser protagonista noutra novela?

Non creo que teña que ocorrer nada en particular, cando unha escribe sabe moito máis do que acontece no mundo da novela das que finalmente acaba contando. Por iso ás veces hai cousas que unha precisa contar dende outra óptica, porque as creou e as precisou para a primeira novela. Aínda así, se cadra se te refires ao Ciclo dos Elementos no que me atopo inmersa neste momento, é importante explicar que o xermolo creativo non foi «dar vida a personaxes secundarias» senón crear un universo literario no que cada historia encaixe coas demais, como nun enorme crebacabezas. É un desafío ben grande pero tamén divertido e espero que resulte para as lectoras tan interesante como para min é escribilo. Ademais da posibilidade que me dá de estar un longo período de tempo convivindo con personaxes que cada día me descubren cousas novas.

Na túa visión de entre o rural e o urbano, coincides co “Grupo Nós” en que o galeguismo realmente reside no rural?

Non, para nada. De feito odio calquera idealización do rural. Tamén do urbano, vamos, que odio as idealizacións en xeral. Creo que son daniñas e contraproducentes. Como muller creo que a vida é complicada en calquera sitio e que o importante é o sentido crítico. Non me gusta, iso si, a percepción despectiva de clase con respecto ao rural que existe nas sociedades urbanas. Esa falta de respecto cara aos coñecementos e formas de vida que nos conformaron en gran medida e que, máis importante aínda, nos deron e dan de comer. Eu non vexo isto con distancia, teño a fortuna de vir dunha familia que ten unha parte na montaña e outra parte na cidade (de Lugo). O galeguismo reside, finalmente, en calquera persoa que crea que como pobo estamos avogadas a ser algo máis ca escravas doutros poderes e tentar imitalos. En calquera que pense que Galicia é un lugar diverso pero que ten que ter unhas bases de convivencia comúns, a máis vital delas é a lingua. Nesa idea cabe o rural, o urbano,o «transnacional» e todas as súas facianas intermedias.

O outro día, nunha resposta a unha entrevista do meu alumnado, Marta Dacosta viña a dicir que para que che publiquen unha obra lírica practicamente ten que vir avalada por ter recibido un premio… Coincides con Marta? Ten que a nosa lírica procurar outras saídas?

Non é a miña experiencia pero entendo o que quere dicir Marta. Os espazos de publicación de poesía son moi cativos, mais eu penso que a poesía está máis viva ca nunca noutros formatos. Os recitais, por exemplo, cobran en Galicia unhas dimensións cada día máis vizosas. Pensemos nas accións de Aldaolado, Poetas da Hostia ou os ciclos coordinados por Yolanda Castaño. Publicar é importante pero darlle vida á poesía fóra dos libros éo aínda máis.

maria-reimondez-2No ano 1994, con dezanove anos, viaxas por primeira vez á India. Que supuxo, e supón, para ti o mundo hindú? E para a túa obra? Ver a situación da muller na India acrecenta máis a túa loita feminista?

A miña convivencia co sur da India e en especial con Támil Nadu levoume a cambiar de posición, algo que creo que é moi necesario. Primeiro para darme conta de que non hai nada que se poida describir como «mundo hindú» (o hinduísmo é só unha das relixións da India e aínda que os nosos dicionarios teñen a teima de poñer hindú como sinónimo de habitante da India eu creo que é incongruente para as persoas que son musulmás, cristiás, ateas, xainistas, parsis… e que tamén pertencen a ese estado). Segundo, para entender as continuidades das explotacións, o cal fai que tampouco entenda moi ben iso da «situación da muller na India». Na India, igual que aquí, hai moitas mulleres en moitas situacións, seguir a ladaíña intereseira dos medios occidentais que pretenden facernos ver o mal que están «alá» é ser cómplice dun discurso fondamente colonial e contraproducente. Porque no fondo a lectura é «mira que ben estamos aquí», non temos de que queixarnos. No fondo desas fronteiras que pretendemos trazar entre nós e as outras é onde están as maiores discriminacións. Porque a violencia contra as mulleres na India ten as mesmas raíces ca a violencia contra as mulleres en Galicia, simplemente. E aínda máis, está agravada polas prácticas das nosas empresas e gobernos (en Támil Nadu, por poñer un caso, as mozas do rural adoitan ser engaioladas por empresas para traballar no téxtil co pretexto de que farán cartos para o seu dote e así poderán casar, reforzando con isto a violencia patriarcal de asumir que o destino dunha muller é o matrimonio, que ten que pagar dote etc. Esas empresas producen para os nosos grandes imperios, para facer a nosa roupa). Creo que o máis importante de todo isto para min como persoa e como autora é o cambio de perspectiva e para iso non fai falla ir a ningún sitio, fai falla pensar dunha maneira máis complexa e ser sensible ás demais.

E para rematarmos, canto á estrutura da novela actual, por que cres que cada vez soe aparecer máis a mestura de diferentes tipos textuais na elaboración das novelas? Estou a me referir a novelas como a túa En vías de extinción, a gañadora do García Barros de hai dous anos Hora zulú de Santiago Lopo, ou a mesma gañadora deste ano do García Barros, tamén finalista do Xerais, Máscaras rotas para Sebastian Nell, de Alberto Ramos.

Non podería tampouco contestar a esta pregunta porque as novelas que se escriben algunhas son así e outras son totalmente diferentes. Nin unha cousa nin outra teñen nada de importante ou «contemporáneo», creo eu. Por fortuna, as lectoras e lectores temos gustos non só diversos senón omnívoros, porque somos capaces de ler das cousas máis dispares e polo tanto está ben que haxa novelas con diversidade de tipos textuais e outras que non. No meu caso particular busco o que me parece preciso para contar o que quero. O importante é que a estrutura que se escolla, sexa cal sexa, funcione para a historia que queremos contar e nos axude a chegar ás persoas que están do outro lado, as lectoras e lectores que seguen sendo no fondo o máis importante e o único que dá sentido a escribir como acto público.

Amiga María, moitas grazas por todo, especialmente por seres como es, por loitares como loitas e por pensares como pensas… e por escribires como escribes.

Carlos Loureiro Rodríguez