Sermos Galiza publicou o primeiro artigo sobre Támil Nadu dunha sección na que María Reimondez contestará as preguntas que as/os lectoras lle fagan sobre esa parte da India na que medrou MK, a protagonista de “A música dos seres vivos”.

 

Anacos 1: Pongal

Aadi é o mes, o mes que vai dende mediados de xullo a agosto. O mes que dende hai 18 anos paso case sen fallo en Támil Nadu. Un mes de celebración no que precisamente o día do meu aniversario adoita cadrar co Aadi Perukku, a festa da auga como vida, como agasallo das colleitas. Ese día, en Tiruchy, a xente baixa ao río Cavery, seco na maior parte do ano, para entrar nas augas e festexar. Non é unha celebración exenta de cuestións políticas dado que o Cavery vai seco polo encoro que o goberno central indio construíu no estado veciño de Karnataka e que as autoridades deste lugar se negan a abrir, mesmo se alá adoita chover moito máis que deste lado da fronteira federal. Mais o día do Aadi Perukku o Cavery ten que levar auga: a deusa, que os ríos son todos femininos e divindades, non pode insultarse dese xeito.

Aínda así sinto que debo retroceder no calendario támil e comezar polo principio. Podo aninovo, polo primeiro mes. Por Pongal. O Pongal é o aninovo támil, celébrase normalmente entre o 13 e o 16  de xaneiro. Tamén é o nome do doce que se prepara eses días e, durante todo o ano, dun almorzo salgado habitual en calquera fogar. En Pongal decóranse os cornos dos bois e a xente merca roupa nova. Mais a min sobre todo interésame falar do Pongal polas olas.

As olas pintadas só se atopan nos días anteriores ao Pongal, son de barro e decoradas de moitas cores. A súa forma barriguda axuda a que termen enriba do lume, cociñando o doce ata que reborda. Marcan a existencia dun tempo anterior ás olas a presión, ás cociñas de gas, ás eléctricas e, se cadra nos pisos da xente rica, que eu aquí nunca vin un, á vitrocerámica. Pongal é o momento de deixar atrás o vello, de comezar e anovarse. Iso é o que indican coas súas cores as olas en cada casa.

Hai xa máis de dez anos, cando a tsunami escachou a costa de Támil Nadu coa súa onda, atopei nos días posteriores, durante o traballo, o anaco dunha ola de Pongal na praia. Gardeina para min e aínda a teño na casa, coas súas cores preparadas para unha celebración que nunca chegou. Con aquel anaco de ola na man e os que de min mesma e outras persoas quedaban recollidos nel, se cadra comecei a pensar n’A música dos seres vivos. Na importancia de comprender que as persoas tamén podemos escachar (ou escáchannos) e do longo proceso que leva entender que se cadra o obxectivo na vida non pode ser volver os anacos a súa forma orixinal senón recompoñerse, reinventarse. Sobrevivir. Como ese anaco de ola no meu piso de Vigo ao que ata o de agora só eu lle coñecía o sentido. Así tamén é moitas veces a escrita.