María Reimóndez, en calidade de tradutora e intérprete galega, activista e investigadora en teoría postcolonial, de xénero e tradución, participará nunha das conferencias plenarias do congreso internacional ‘Tradución e culturas sen estado: perspectivas desde Gales’, que se celebra o 10 e o 11 de setembro na Universidade de Bangor (Gales). A súa conferencia leva o título de: ‘Challenging Peripheries, Minorities and Centres in Translation Theory and Practice’ [Unha ollada crítica ás periferias, minorías e centros na práctica e teoría da tradución].
O congreso organízase grazas a unha bolsa do Arts and Humanities Research Council (a institución que financia a investigación nas Humanidades no Reino Unido) e pretende revitalizar os debates críticos sobre tradución e culturas sen estado, máis aló do marco das ‘culturas minoritarias’. Asemade, o congreso busca colocar a Gales nos debates contemporáneos sobre tradución e cultura, por ser un país onde a tradución, ademais de ser a ferramenta que facilita o decreto para o bilingüísmo (base da política lingüística en Gales dende 1993), está presente tamén en moitas formas de activismo cultural.