Sermos Galiza publicou o 1 de agosto de 2015 o segundo artigo da sección na que María Reimondez responde ás preguntas que as/os lectoras lle queiran facer sobre Támil Nadu. Aproveitando a súa estancia na India, a escritora afondará sobre o lugar no que medrou MK, a protagonista de “A música dos seres vivos”.
Anacos 2: A casa, a aldea
Hai xa un tempo considerable, se cadra mesmo uns dez anos, comecei a traballar nas aldeas do distrito de Tiruchirapalli (abreviado normalmente como Tiruchy), un dos 32 que integran Támil Nadu. Ata daquelas estivera sempre na cidade, nos suburbios, o meu espazo coñecido. Cando empecei a camiñar polas aldeas, outro mundo apareceu ante os meus ollos. Un que falaba, aínda que fose só en retallos e sons interrompidos, dunha época na que rural e pobre non eran palabras necesariamente sinónimas. Unha época de optimismo, a que se abre cando remata unha dominación e aínda non se entende cal será a seguinte.
“Unha casa cunha historia persoal pero tamén colectiva, un universo completo que para esta personaxe ía esnaquizar a emigración, recollido xa nada máis na memoria durante moito tempo”.
Así, entre as fragas de cocoteiros e os campos vermellos, algunhas casas falaban con forza poderosa de épocas anteriores. Os seus espazos diáfanos, a cociña separada, o patio interior, a ornamentación delicada nas pesadas portas de madeira, narraba con voz poderosa unha historia que se superpuña ao teito de palla, ao momento actual de empobrecemento programado. Souben, ao velas, que este era o espazo da infancia de MK, da Manimekalai nena. Unha casa sen cuartos pechados, onde hai obriga de entenderse, onde a convivencia é estreita e o campo, a privacidade. Unha casa cunha historia persoal pero tamén colectiva, da que se cadra falarei máis adiante, un universo completo que para esta personaxe ía esnaquizar a emigración, recollido xa nada máis na memoria durante moito tempo.
Esta semana volvín visitar unha desas casas. Na parte dianteira tiña un enorme thinnai, ese espazo tan característico da arquitectura támil, un lugar antes do privado onde se pode recibir xente, durmir nos días de calor, sentar ver pasar o tempo. Este, o que vin esta semana, era particularmente xeneroso, nel cabían todo un grupo de axuda mutua que estaba facendo unha formación. Abeiradas do sol (e da choiva que con algo e sorte cae nesta época), sementaban dende o pasado un futuro diferente.