Atópome dende mediados do mes de xullo en Tamil Nadu (India) realizando o seguimento dos proxectos que dende Implicadas/os No Desenvolvemento temos en marcha con activistas tamiles. A través dunha serie de crónicas publicadas en www.sermosgaliza.com poderedes achegarvos á realidade do traballo de cooperación de Implicadas.

Pero durante a miña estancia na India tamén participo noutras actividades. O pasado 28 de xullo participei no lanzamento da tradución ao támil de O deus das cousas pequenas de Arundhati Roy. Ao evento, que tivo lugar en Chennai, capital de Támil Nadu, asistiron, entre outras persoas, a autora da obra, o editor Kannan Sundaram, a escritora Salma e eu.

O deus das cousas pequenas –Premio Booker en 1997– é unha novela escrita orixinariamente en inglés e acaba de publicarse por primeira vez en lingua támil na editorial Kalachuvadu. Comparto con vos neste espazo o discurso que fixen na presentación da obra en támil:

Estimada Arundhati Roy, autoridades, señoras e señores:

Constitúe unha grande honra para min estar hoxe con vostedes e poder dirixirme ao público na nosa lingua común, o támil, coa axuda do meu benquerido amigo Ilakkuvanar Ambalavanan. Se ben podo comprender támil en bastante medida, a miña capacidade para falar só me permite preguntar cousas tipo: como te chamas? Cantas crianzas tes? Es integrante dun grupo de axuda mutua, e cousas semellantes, expresións todas elas para nada axeitadas para este contexto. Ao longo dos anos, Ambalavanan foi quen de me contaxiar a súa paixón pola súa lingua e cultura e agora tamén traduciu este texto que escribín orixinariamente en inglés.

En calquera caso, o importante é que o támil é unha lingua que levo preto do corazón e por iso querería comezar falando de linguas. Estamos aquí para lanzar unha tradución. Como tradutora e tamén como autora nunha lingua non hexemónica, igual ca o támil, non podo evitar reflexionar primeiro sobre estas cuestións. Nós, autoras e autoras, falantes de linguas non hexemónicas, escoitamos ben a miúdo que as nosas linguas “nos limitan”, que son pequenas ou irrelevantes nun mundo globalizado.

Pero a verdade é que O deus das cousas pequenas, unha obra escrita na todopoderosa lingua inglesa, non pode falar ás lectoras e lectores támiles, polo menos á grande maioría, a menos que o faga en támil. Quen detenta o poder, sexan os gobernos centrais, os gobernos de países poderoso ou especialmente as multinacionais, intentan domesticarnos nunha lingua común. Ese é o primeiro paso en calquera escravitude: cortar a lingua das escravas. Pero sobrevivimos, do único xeito de facelo que é sustentable e xusto. Resistimos o discurso que afirma que algunhas (as nosas) linguas son limitadas e outras “universais” porque de feito todas as linguas son limitadas e ao tempo sen límite, é só unha cuestión de poder a que define só as nosas deste xeito. As linguas crean mundos propios, os únicos mundos significativos para entender os mundos alleos. E o máis fantástico é que estes mundos poden ampliarse sen límite grazas á tradución. As traducións fan todas as linguas máis grandes e os nosos puntos de vista sobre o mundo, máis amplos. Os imperios son ben sabedores disto, por iso os mercados en lingua inglesa non traducen máis do 4% de todos os libros publicados, non lles interesa o mundo. Pero a nós si, por iso estamos aquí para celebrar que a arte de Arundhati Roy se faga accesible ás lectoras e lectores támiles. Agrádame especialmente que Kalachavudu non dese por sentado que o inglés é unha lingua que todo o mundo debe entender. O deus das cousas pequenas é xa un clásico contemporáneo que tocou os corazóns de millóns de lectoras e lectores en todo o mundo pero se cadra é aquí onde a súa voz é máis poderosa. Liberadas de calquera tipo de lectura exótica, as personaxes d’O deus das cousas pequenas toman vida como outsiders desenraizadas que conseguen botar nova luz sobre case calquera tema, dende a historia á casta ao xénero. A tradución dun texto tan vivo debeu ser un desafío para J. Kupusamy, o tradutor, coa súa linguaxe falcatrueira e as súas referencias multiculturais.

Para concluír, permítanme dicir unhas palabras sobre Arundhati Roy. Ela, como as súas personaxes, conseguiu implicarse co mundo dende unha posición que non consente apropiacións. Conta por unha banda coa intelixencia de sinalar a explotación dende todos os bandos sen ser compracente coas visións existentes sobre o tema en cuestión e pola outra coa sensibilidade de estar preto daquelas persoas ás que se lles nega a voz. Todas as escritoras e escritores traballamos co mundo, está claro, pero só algunhas tentamos traballamos co mundo para facelo un lugar mellor. Creamos mundos que poñen en cuestión o que existe, que amosan con agudeza a inxustiza, que fan que a lectora sexa unha persoa diferente tras a lectura. Todo isto pódeno atopar agora as lectoras e lectores de lingua támil n’O deus das cousas pequenas. Temos a fortuna de recibir o libro e a súa autora nesta lingua que eu apropiei con afecto para falarlles. Agradézolles a súa paciencia e comprensión cos meus esforzos.