O vindeiro martes 27 de novembro María Reimóndez estará no club de lectura Lendo Lendas para falar de En vías de extinción cas/os lectoras/es. O acto terá lugar no Malas Pécoras (Rúa da Algalia de Abaixo, 7, Compostela) ás 20.30 horas. 

Para ir abrindo boca deixámosvos o opinión da novela que nos enviou unha lectora:

Acabo de lela (En vías de extinción) agora mesmo e estou con esa sensación de cando algo che gusta tanto que non queres que acabe…

É unha novela valente, rebelde, solidaria e necesaria nos tempos que corren. Gaia é unha muller de fortes conviccións e que sabe moi ben quen é, loita polo que cre e defende o que é: muller, ecoloxista, lesbiana, nacionalista e moito máis, e iso si, cos pés na terra. 

Gustoume por moitos motivos pero agradezo especialmente o uso que fai da lingua, da fala afortunadamente viva nalgúns lugares do rural… lingua que cómpre deixar recollida pois é a cerna do idioma… 
Gaia sementa landras para recuperar os espazos e Gaia e María sementan palabras para que as gocemos ao ler a novela, un agasallo para que as que “somos do monte” coma Gaia poidamos atoparnos, cousa pouco frecuente noutras novelas actuais que, por desgraza, non cultivan o idioma coma esta. Graciñas á autora por esta marabilla!

Luz.