Artigo publicado en Sermos Galiza. 8 de xuño de 2012.
Non resulta doado admitilo pero unha das cousas que nos fai humanas é a enfermidade. O decaer e sufrimento do corpo é algo ao que ningunha persoa podemos escapar, con diferentes graos e impactos na vida e que ademais se vai tornando en condición a medida que o tempo vai avanzando polos nosos ósos, tecidos e órganos. A enfermidade, poderiamos pensar, iguálanos a todas.
Iso poderiamos pensar, si, se non fose polas accións que dende a chegada ao poder do Partido Popular ao goberno central e xa en diferentes autonomías, Galicia entre elas, estamos comezando a presenciar e a sentir, como a enfermidade, na carne.
Está claro que os recursos económicos non permiten escapar de padecer cancro, ou SIDA ou Alzheimer pero no novo esquema que agora se perfila coma un monstro ese único factor determinará (e xa está determinando), falemos claro, a vida ou a morte dunha persoa. O proceso comezou cun retorcemento perverso do discurso, algo no que o Partido Popular é experto. Presentouse ás persoas como “parasitos” dun sistema que, oh, pequeno detalle, pagamos entre todas. Escoitando as múltiples declaracións de integrantes deste partido semella que a sanidade a paga o señor Feijóo do seu peto e non todas e cada unha das galegas que relixiosamente cotizamos á seguridade social. Semella tamén que nos gusta ir ao hospital, como se fosen unhas vacacións pagas, como se pasar por unha intervención ou un tratamento de quimioterapia fose o ideal de tempo libre da galega media. Tamén se nos dá a entender que a sanidade pública é “de quen a paga” porque só nesa lóxica se entende que no canto de, de ter que pagar alguén, obrigar ás rendas altas a pagar os servizos se obrigue ás persoas en paro, xubiladas ou en situación de marxinalidade a pagar polos servizos sanitarios.
Resulta odioso ter que recordar que o acceso á sanidade é un dereito universal recoñecido polas Nacións Unidas e promovido nunha longa serie de documentos, un deles a Constitución española, ese tótem intocable para o Partido Popular para unhas cousas e unhas palabriñas inocuas para outras. O futuro que xa se perfila resulta aterrador pois fala simple e claramente, malia a todos os eufemismos que lle queiran apoñer, de deixar xente morrer por non ter os cartos suficientes para facer fronte ás atencións médicas que precisa para a súa supervivencia ou benestar. As voces do persoal sanitario hai tempo que levan alertando sobre esta tendencia a través da plataforma SOS Sanidade Pública, mediante escritos en prensa e co apoio de moitas outras persoas, como a escritora Xulia Alonso, que explica en termos moi claros o que todos estes recortes significan para persoas con enfermidades crónicas e graves como a súa. O proceso leva en marcha en Galicia dende que o PP chegou ao poder, co desmantelamento do sistema, coa desactivación económica de elementos básicos da prevención (pensemos no Plan antidrogas ou de prevención da SIDA) e co recorte de recursos ao persoal médico que cada día ten que traballar en situación máis precaria. Esta situación de facto xa empurra ás persoas que poden permitir o gasto á atención privada, un negocio florecente no que como ben sabemos o Partido Popular conta con importantes intereses.
O señor Feijoo se cadra debería ir vivir aos Estados Unidos, onde o sistema que el defende produce unhas películas estupendas con pais que teñen que roubar bancos para pagar o tratamento dos seus fillos e onde a xente abandona os vellos e as vellas nos hospitais porque non poden pagar os tratamentos. Un mundo certamente feliz. Tan feliz que lle están dando a volta mentres nós camiñamos cara á deriva que alá se abandona.
Mais esa deriva debe parar. Debémola parar XA, esa é a responsabilidade de toda a cidadanía, empezando pola que votou ao PP, ou estas persoas non se poñen enfermas? Primeiro esixindo a toda a clase política que ao aceptar un cargo teñan a obriga de utilizar exclusivamente os servizos públicos que teñen o deber de xestionar e defender. Non se pode xestionar o que nin se coñece nin se utiliza. Sería se cadra unha cura de humildade para quen bota a lingua a pacer con tanta frivolidade. Comecemos unha iniciativa lexislativa popular neste sentido para que o sr. Feijoo e compañía saiban na propia carne o que significa dicir que facer as camas ou dar de comer non son servizos sanitarios. Opérese vostede de calquera cousa, sr. Feijoo e logo érgase facer a cama, a ver que tal lle vai.
A destrución do sistema sanitario (e educativo) público é a instauración das bases da pobreza extrema na nosa sociedade. O estado está aí para redistribuír os recursos, algo que nin as empresas nin ninguén máis pode facer. Rematemos xa co discurso de que o público non é financiable porque ben financiable é o armamento e a Igrexa católica. O aforro na sanidade ten que vir por outras vías, como o investimento en investigación que faga menos custosos os tratamentos, a mellora nas condicións de vida e a maior eficiencia fiscal (outra cousa na que o PP vai no sentido contrario á lóxica). Mais non así. Non deixando que os cartos determinen a vida ou a morte dun ser humano. Se non actuamos agora estaremos sendo cómplices desas mortes silandeiras. Así que tomemos a voz e falemos alto. Deteñamos a destrución da sanidade pública porque é cuestión de vida ou morte.