A editora anuncia na súa web o regreso de María Reimóndez á actualidade literaria coa publicación da novela En vías de extinción:
María Reimóndez é unha autora carismática. Narradora de pulso firme, acaba de regresar á novela con En vías de extinción, unha novela escrita como as vetas das árbores que, dun xeito innovador, nos deixan percorrer das pólas ás raíces. Da man de Gaia, a singular protagonistada novela, asistimos a unha reinvindicación da diversidade cultural, introducíndonos nas fendas que se abren entre a vida rural e urbana e o potencial de conxugar todas as marxes para facer delas o centro da vida propia.

Logo do éxito de novelas como O club da calceta (Xerais 2006), finalista do Premio Xerais de Novela 2005, Premio Arcebispo San Clemente 2007, traducida ao castelán e italiano, e adaptada á escena por Teatro do Morcego e ao cine por Ficcións; ou Pirata (2009), En vías de extinción abre paso a unha personaxe cativadora, que se interpreta como un elemento ecolóxico chamado a cambiar o humus da forma máis discreta pero imborrable posible, invocando a revolución de ser quen se é sen compromisos, a través de batallas sen reféns, e poñendo o que se pensa sempre por diante.

A escritora, intérprete e presidenta de Implicadas, María Reimóndez, dará que falar, coa súa novela, nas vindeiras semanas.”