O luns día 2 de xullo, Manuel Bragado, Michael Skinner e eu presentamos ‘En vías de extinción‘, a miña nova novela, na Feira do Libro de Vigo.

Manuel Bragado, director de Xerais, e o crítico literario Ramón Nicolás dan conta nos seus respectivos blogs da presentación de En vías de extinción. Aquí vos deixo un pequeno apuntamento de cada un, que tamén podedes ler na páxina web da novela, onde atoparedes moitos máis contidos.
En Brétemas, Manuel Bragado fai fincapé na estrutura da novela e no significao desta: “Sete especies de árbores (toxo, abeleira, uz, carballo, acivro, pradairo e castiñeiro), diferenciando en cada unha delas as vetas e a cerna (onde reside a memoria e a lingua da infancia e da familia), achegan esoutro conflito, o existente entre a sociedade urbana e un mundo que semella en vías ou perigo de extinción, o das formas de vida e cultura tradicional da montaña lucense, onde naceu a protagonista; un debate, en definitiva, sobre a biodiversidade e o futuro ecolóxico que nos agarda.”
Pola súa banda, Ramón Nicolás fai un resumo no Caderno da crítica sobre as tres intervencións: “Un libro, ao que parece, radical -que vén de raíz-, innovador, plural, que esculca na verdadeira faciana de moitas cousas, que defende o dereito á intimidade e á biodiversidade, con argumentos literariamente contundentes mais tamén con retranca.”