María Reimóndez e Luís Tosar. 

Esta semana celebrouse en Lugo a presentación da novela En vías de extinción. No acto, que se celebrou na Libraría Trama, participaron o actor Luís Tosar, Manuel Bragado e María Reimóndez

A continuación reprodúcese o discurso inédito lido pola autora na presentación en Lugo.
Os xornais El Progreso e La Voz de Galicia publicaron ampla información sobre o acto. Recomendamos a lectura da reportaxe de Marta Veiga en El Progreso.



>> Discurso inédito de Gaia Dobao Pombo, protagonista de En vías de extinción (non aparece na novela):

DISCURSO PERANTE O X CONGRESO DE EDUCACIÓN AFECTIVO-SEXUAL

Título: O afecto dos toxos

Estimadas amigas e amigos:

Se fose máis civilizada do que son comezaría dando as grazas por me convidar, pero a verdade é que o que me intriga é de que levan falando 10 congresos sobre este tema, pero se tal xa me informo despois. Atopo un paradoxo en calquera caso que se me convide a falar sobre os afectos a min, que non destaco precisamente por ser unha persoa aparentemente moi afectuosa. Ou iso din moitas persoas que me coñecen dunha maneira máis ou menos superficial e que tenden a describirme como “toxo”, ao que eu sempre contesto, “a moita honra e que moitos anos dure”. Porque para quen me chama toxo imaxino que o considera só polas espiñas, e ficar nas espiñas do toxo é ficar no máis superficial do toxo e dos afectos.

Moitas veces sinto en min o agradecemento ante quen me ensinou a querer como un toxo, porque os afectos, coma todo, ata o instinto, son aprendidos. Fico agradecida primeiramente porque me ensinaron que os afectos, como di a copla, deben de ser malos de arrincare. Deben medrar salvaxes e por todas partes. Deben ser adaptables para fuxir dos xustillos que moitas veces lles impoñemos, para entender que hai que coidar de quen nos coidou ou deixarse coidar de quen coidamos, falar por veces e outras calar. En definitiva, adaptarnos ao terreo e non representar sempre os mesmos  papeis en relacións viciadas que non nos deixarán endexamais crecer cara a ningures.


María Reimóndez firmando exemplares.

A xente tende a interpretar o afecto como moito tipirrití-taparroutá pero a min ensináronme, dado que estamos nun congreso de educación, que o afecto é ante todo honestidade, feitos e a palabra ben dita. Quero dicir con isto que hai quen pensa que o afecto é aceptar todo da outra, así sexa un couce no cu. Creo que para iso ten o toxo as espiñas, para que entendamos que non chega con dicir “eu son como son” e que me trague quen queira, porque iso mesmo debía de pensar Hitler de si mesmo. Non vale agochar a cabeza e aceptar que nos traten coma lixo por evitar unha disputa porque a paz nunca a conseguiron as avestruces, non sei se me explico. Unha cousa é acoller a quen queremos, escoitar con empatía e poñéndonos no seu lugar e outra aceptar todo o que a outra persoa fai ou di. Dicir o que se pensa  está neste contexto infravalorado, mais o desacordo é a única maneira de amosar afecto polas persoas e polo mundo porque é a única base do entendemento. Eu, como toxo que son, se alguén ou algo me importa un pito, non me molesto en dicir que non estou de acordo. É só coas persoas e as cousas que me importan de verdade onde fago o esforzo de argumentar, de deixarme influír e retorcer as pólas ata crear de min e da outra un ente novo.

O toxo, ademais, crece en todas partes e non hai nada máis revolucionario ca iso. Por moito formigón que se lle quixese botar enriba, nas máis pobres condicións, aí pode crecer sempre un toxo. Aínda por riba, un toxo non pode limitarse ao recuncho pequeno dun xardín ou unha maceta, non é posible. E cos afectos ás veces preténdese iso, que habiten recunchos e macetas. Un certo tipo de familia e sobre todo o ideal da parella romántica, a ficción máis triste de todas as ficcións. Porque os afectos deben tecernos ás persoas, á natureza, ao que nos rodea, como as pólas da silveira que agabea polas paredes. Afecto son as mulleres chipko que abrazaban as árbores para evitar que as cortasen e non os anuncios de colonia ou as comedias románticas. Afecto é estar con alguén porque nos queremos o suficiente para estarmos soas, non buscar a cura dos nosos traumas na droga que se nos inocula con maior facilidade: o amor romántico. O afecto pouco ten que ver con todo iso.

Querer, como dicía un certo poeta -e eu non son nada de citar poetas e homes en xeral-, ten que ver con ser “the root of the root and the bud of the bud / and the sky of the sky of a tree called life”, ou dito na lingua común “a raíz da raíz e o gromo do gromo e o ceo do ceo dunha árbore chamada vida”. Non hai mellor posición ca a do toxo para comprender isto.

Creo que por todo isto só os toxos sabemos querer ben. Haberá moita xente que non saiba aprecialo, pero esa xente xa devén por esta circunstancia irrelevante. E logo haberá algunhas persoas que saberán darlle valor. E elas constituirán a nosa fraga que protexeremos con mesto mato para que ninguén a toque. Correrá o aire, haberá xente que entre e saia pero na terra ficará o mesmo humus, o que crean os toxos cando unen forzas para facer do afecto o motor máis intelixente e racional de transformación.

Por iso quero rematar cunha única mensaxe: queiramos coma toxos porque co noso afecto, se non damos chorima, daremos polo menos bo estrume.