O xurado da XXXIª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorreron trinta e nove obras, formado por Avelina Rodríguez Gil (profesora), Susana Pedreira Buján (xornalista), Montserrat Dopico (xornalista), Marta Fernández Alberte (profesora), Benxamín Rioboo Sanluís (libreiro) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas: «Sebastian Nell», «Dende o conflito» e «A mirada de Ismael». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Dende o conflito» que, despois de aberta a plica, resultou ser de María Reimóndez e corresponde ao título Dende o conflito.
No seu ditame, o xurado da XXXIª edición do Premio Xerais de Novela sinalou o seguinte:
«Saínza Combarro, unha xornalista galega que cobre conflitos bélicos para a BBC vive en carne propia o dilema de optar entre o cinismo e a resignación á hora de relatar o que ve cos seus propios ollos ou optar por defender a verdade íntima de quen é testemuña dos feitos máis arrepiantes. Probablemente por iso, porque a personaxe vive situacións límite, Dende o conflito é unha novela sobre a evolución e a construción dunha persoa que loita por ser exactamente o que ela quere ser, mesmo malia as súas propias contradicións.
Desde unha confección literaria diversa, que bota man de distintos textos, Dende o conflito rende homenaxe a aquelas mulleres xornalistas que souberon poñer a verdade dos conflitos bélicos por enriba de todo, mesmo por riba da súa propia seguridade, como fixeron Marie Colvin, Sofía Casanova, Martha Gellhorn ou Lara Logan.
Da man desta xornalista galega, residente en Londres, chamada Saínza Combarro, topamos coa brutal realidade das mulleres no Congo; viaxamos ao de Irak do Hotel Palestina, onde foi asasinado José Couso; coñecemos unha Etiopía na que, máis adiante, vivirá unha experiencia extrema; apalpamos a dor da morte no Afganistán dos talibáns; trasladámonos con ela a Sri Lanka, onde sinte a impotencia de non poder contar o que sucede debido á evacuación obrigatoria de todos os xornalistas; e compartimos ese Haití onde atopa o rostro da solidariedade de xénero. Pero, ademais, viaxamos con frecuencia a Berlín, a Barcelona, a Compostela e a Vilalba, que son os lugares onde Saínza se protexe de tanta violencia buscando o agarimo e o refuxio dos afectos como unha necesidade vital para non renderse nunca.
E é que Dende o conflito é unha novela sobre o xornalismo, sobre a guerra, sobre o abismo entre o norte e o sur, sobre a pobreza, sobre a fame, a miseria e a marxinación, pero, moi especialmente, é unha novela sobre os afectos, sobre o valor da amizade e do amor, sobre a diversidade e a contradición dos sentimentos e, en definitiva, sobre a esencia das cousas que ao final son as realmente importantes na vida.»
María Reimóndez declarou cando coñeceu a noticia que «recibir o premio Xerais nesta altura supón cumprir un dos soños máis importantes que sempre tiven como autora. Primeiro porque Xerais é o meu fogar literario ao que me unen fondos vínculos de afecto e segundo e sobre todo porque é un premio xulgado por persoas que len, por persoas que teñen un criterio propio e único cada ano. Entendo este galardón tamén como un recoñecemento á miña maneira de estar en sociedade como autora e un reforzo aos meus esforzos por facer da escrita unha ferramenta de transformación social que apele á reflexión, ao entretemento e a poñernos no lugar de múltiples outras.»
«Dende o conflito é unha novela que se mergulla na complicada vida dunha xornalista de guerra, Saínza Combarro. A través dela fálase da importancia do exercicio xornalístico nas situacións de conflito, mais sobre todo da importancia de buscar unha posición ética de relación con todas aquelas persoas esquecidas e que fican silentes do outro lado das noticias. Incluso, por paradoxal que semelle, as propias xornalistas. As dificultades e os atrancos, mais tamén a reformulación da vida propia dende o extremo, dos que fala a novela van alén do evidente e buscan transmitir dende a emoción próxima da carne e o óso, dende unha posición rebelde cos papeis dados, a procura da propia voz para que as outras tamén a teñan.»