A primeira vez que estiven en Haití foi en febreiro deste ano e semella incrible o moito que poden cambiar as cousas en tan poucos meses. O meu traballo como consultora para a organización alemá Kinder-Not-Hilfe lévame a dirixir o proceso de implantación da metodoloxía dos grupos de axuda mutua no país, algo que considero un privilexio impresionante. Estes días tiven a oportunidade de comprobar os primeiros pasos cara á esperanza, de orientar certos aspectos e de aprender. En cada paso, lembro o traballo coa miña xente de Támil Nadu e coas compañeiras de Etiopía porque sen elas eu non sabería nada deste tema. O certo é que non podería facer este traballo se non fose polo moito que cada día me ensinan as persoas que traballan nas organizacións locais, sobre todo PDI, e sobre todo as mulleres dos grupos que dende a nosa fundación promovemos en Implicadas no Desenvolvemento. Como creo que unha cousa é o agradecemento e outra a xustiza, decidín doar a metade da remuneración destes traballos a Implicadas, para que poidamos seguir apoiando, aprendendo e alimentando a esperanza coas nosas compañeira támiles.